10 octubre 2008

Deputación quere promocionar na Bretaña o turismo náutico pontevedrés


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O vicepresidente provincial, José Juan Durán, recibiu hoxe no Pazo Provincial ó xerente da Estación Náutica Rías Baixas, Didier Maurice Albert Raillot, quen lle fixo partícipe da intención do salón náutico “La Mille Sabords du Crouesty”, un dos máis emblemáticos no sector, de contar no mesmo coa presenza institucional da Deputación de Pontevedra.
“Le Mille Sabords du Crouesty”, o maior salón náutico europeo de embarcacións de segunda mano, que terá lugar entre o 30 de outubro e o 2 de novembro no Crouesty, o porto da cidade de Arzon, situado na Bretaña, a unha trintena de quilómetros de Vannes, no Golfo do Morbihan.
Trátase do primeiro salón deste tipo, creado polos profesionais da náutica do porto de Le Crouesty, a súa intención é dar saída ó parque de embarcacións de segunda man e xerar tesourería antes do Salón Náutico de París.
As cifras falan por si solas: O pasado ano, acadou máis de 75.000 visitas de toda Francia e países veciños, expuxéronse 1.000 barcos, participaron 700 expositores (200 profesionais e 500 particulares) e xeraron 8.000.000 euros, dos que 3.500.000 foron inxectados na economía local.
Este evento é único pola súa diversidade e pola convivencia que o caracteriza, sendo probablemente un dos poucos lugares en que se poden obter consellos gratuítos perfectamente obxectivos, sen compromisos de rendibilidade.
A súa fórmula é, desde hai 23 anos, un éxito e o Mille Sabords tense convertido nunha cita ineludible para os profesionais da náutica de recreo, os expositores particulares, os compradores e os visitantes que soñan co mar.
Os obxectivos que persegue son desenvolver transaccións a nivela nacional, fomentar intercambios internacionais e a volume de transacción en exportación, acrecentar a notoriedade do Mille Sabords, da provincia bretona de Morbihan e promocionar o turismo náutico da costa Atlántica.
O vicepresidente comentou, á saída da xuntanza con Raillot, que “todo o que sexa promocionar, dar a coñecer os encantos turísticos da provincia, xa sexa na súa faceta náutica ou turística, e especialmente nun marco tan salientable como é o Salón de Crouesty, é algo que sempre apoiará a nosa institución”.
Durán tamén apuntou que a organización do evento proxecta establecer un Salón de similares características na nosa provincia, a partir de 2010 ou 2011, “o que sería unha oportunidade fantástica a todos os niveis”.