24 octubre 2008

JOAN PRATS DEFENDE A PARTICIPACIÓN “ACTIVA E ORGANIZADA” DA CIDADANÍA PARA ACADAR O DEREITO A UNHA BOA ADMINISTRACIÓN

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- Joan Prats i Catalá, presidente da Asociación Internacional para a Gobernanza, a Cidadanía e a Empresa, defendeu hoxe o protagonismo da cidadanía, “activa e organizada”, na consecución do dereito a unha boa administración. Segundo Prats, a calidade da actuación pública non corresponde unicamente a un esforzo interno das organizacións administrativas, senón que precisa do “alento externo” que supón a participación cidadá para exercer ese dereito colectivo.
Estas declaracións realizounas no seu relatorio A Dirección Pública no Estado Autonómico e na Era Global, dentro da segunda quenda do curso para a obtención de diploma de directivos da Xunta de Galicia 2008 -programa de dirección innovadora-, organizado conxuntamente pola Escola Galega de Administración Pública, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Escola para as Administracións Públicas de Caixanova.

Nesta intervención, o presidente da Asociación Internacional para a Gobernanza tamén falou da necesidade actual dunha boa interacción entre Administracións, cidadáns e empresas para que sexa posible a boa administración. Esta interacción entre os actores involucrados nun sistema sociopolítico é o que se vén chamando “gobernanza” e, segundo se recolle no seu Libro Branco, a nivel europeo, para que esta sexa efectiva ten que rexerse polos principios de “apertura, participación, responsabilidade, eficacia e coherencia”. Todos estes principios ademais de constituír a base da democracia e o estado de dereito, tamén poden aplicarse a todos os niveis de goberno: mundial, europeo, nacional, rexional e local.
Prats tamén sinalou que o deber dunha boa administración non implica só aos axentes públicos, senón que se estende ademais ao Goberno, polo que fala de “políticas de boa administración”. Con este termo indica que a práctica do deber dunha correcta administración e a realización do correspondente dereito esixe unha tensión política e xerencial permanente que implique tanto á dirección política da administración como á súa dirección técnica, aos seus axentes e aos cidadáns e ás empresas.
Así mesmo, co obxecto de que exista unha correcta coordinación e coherencia políticas, o autor propón a creación dun Goberno estratéxico cuxo máximo representante será o Presidente. Segundo Prats, a Presidencia do Goberno debe ser a responsable de establecer a estratexia gobernamental, de dirixila, e impulsar, coordinar e supervisar en base a ela as funcións dos demais membros do Goberno. Do seu correcto funcionamento depende en boa medida o dereito e os deberes da boa administración.
Para o relator, a medida que as condicións da globalización foron crecendo emerxeron cuestións cuxa complexidade desbordaba os límites das xurisdicións departamentais e requirindo grados crecentes de coordinación activa, os gobernos, e especialmente os seus presidentes, foron dotándose de medios para provela. Así xurdiron os staff e organizacións que asisten ao presidente na súa función de coordinación, as que o fan en materia de xestión, os Consellos de ministros, as Comisións do Consello, os ministros sen carteira, os comités asesores ou os superministerios. Todas estas técnicas organizativas e procedimentais axudaron aos gobernos na realización da súa axenda estratéxica e na procura da correcta coordinación e coherencia políticas necesarias para unha administración correcta.