06 octubre 2008

Máis de dúas toneladas de lixo retiradas do cauce do Tea en Ponteareas


PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- Adega e Adenco retiraron o pasado sábado máis de dúas toneladas de lixo do cauce e das beiras do Río Tea en Ponteareas. A partir das 16:30h máis de trinta persoas actuaron sobre un treito urbán do Tea en Ponteareas, un lugar no que no seu día o Concello habilitou un paseo e que agora adoece de mantemento.
Entre o lixo retirado destacan varias rodas de camión, chapas metálicas, restos de andamios e material de obra, unha televisión, unha pancarta, ... Ademais, centos de pequenos trozos de plásticos, papeis, madeira e vidros retiráronse das beiras e do paseo, coa axuda dos voluntarios que participaron na actividade.

Os ecoloxistas agradecen a colaboración de todas as persoas que asistiron á xornada de limpeza, que se realizou en 22 concellos galegos de xeito simultáneo e chaman á intervención das diferentes administracións no que se refire á conservación, mantemento e recuperación do cauce e das beiras, especialmente no que se refire a un plan de saneamento integral do Concello de Ponteareas, dotando deste servizo básico a toda a cidadanía do Concello e ampliando e mellorando o funcionamento da depuradora.