06 octubre 2008

ARRANXO URXENTE DO CAMIÑO DA POMBA, EN CHAPELA, DEMANDA O PARTIDO POPULAR

REDONDELA (MORRAZO-tribuna) .- Trátase dun camiño moi transitado e con acusada pendente que une o barrio de Parada coa Avenida de Redondela e que ó non dispoñer de anchura suficiente para o paso de vehículos únicamente pode ser transitado a pé, sendo tal paso perigoso no estado en que se atopa pois presenta numerosos baches e boquetes e incluso desprendementos nunha das súas marxes.
O camiño é empregado a diario polos veciños da zona ó ser o único que lles permite acceder a pé directamente á Avenida de Redondela. Así mesmo, como o barrio carece de contedores de lixo nesa área, tódolos días atravésano para depositar os residuos domésticos nos contedores da Avenida de Redondela, polo que se trata dun camiño peonal moi concorrido.
Non obstante o seu estado actual é lamentable e perigoso para os seus usuarios, carecendo dunha baranda para que nenos e maiores poidan empregalo con seguridade pois a capa de formigón que o conforma está moi deteriorada e é sinxelo resbalar ou tropezar nun socavón.
Así as cousas, o Grupo Municipal do Partido Popular comprobou in situ a realidade de esta situación, considerando urxente a reparación e mellora do camiño mediante o arranxo do firme e a colocación dunha baranda que proporcione un paso seguro ós seus usuarios. Así mesmo, critica o total abandono por parte do goberno local ó barrio de Parada pois son moitas as necesidades e melloras que deberían de realizarse neste e nunca recibiron atención algunha por parte do goberno municipal.