18 octubre 2008

Os compromisos que o BNG arrancoulle ao Goberno central en troco da aprobación dos orzamentos

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, anunciou aos medios de comunicación que o BNG chegou a un principio de acordo co PSOE no marco da negociación mantida en relación aos Orzamentos Xerais do Estado 2009. Razón pola que os nacionalistas galegos decidiron non apresentar unha emenda á totalidade ás contas do Estado.
O BNG demostra que é unha forza decisiva nas políticas estatais
Para Jorquera “demóstrase o que diciamos nas eleicións xerais de que íamos ser unha forza decisiva na política estatal, que aspirábamos a influir nas políticas do Estado e a ser úteis para Galiza. As afirmacións que fixemos na campaña hoxe se constatan con feitos”, subliñou ao inicio da súa comparecencia o deputado do BNG.
Jorquera puxo de manifesto que o BNG foi decisivo en todo o proceso negociador “para acadar unha maioría parlamentaria suficiente a fin de que haxa Orzamentos para o 2009 e o Goberno non teña que recurrir a prorrogalos”. Amosou a súa satisfacción e congratulouse porque “ambas partes fixemos un esforzo de flexibilidade en aras ao acordo”.
Os compromisos acadados:
Subcomisión de seguimentos das Infraestructuras antes do 15 de decembro
O deputado do BNG salientou que se chegou ao compromiso de crear antes da data do 15 de decembro deste ano, a Subcomisión de seguimento das infraestruturas galegas no seno da Comisión Bilateral Xunta-Estado. “Unha garantía que foi unha demanda unánime do Parlamento galego”, lembrou.
125 millóns máis para Galiza
Jorquera indicou que outro dos puntos do acordo é o de incrementar os investimentos territorializados para Galiza en 125 millóns de euros. “A nosa vontade é que este aumento das partidas permitan acelerar as infraestructuras, impulsar os planos de dinamización económica e social, e profundizar na política de extensión da educación infantil de 0-3 anos”.
Enfatizou o feito de que con este acordo, “o ano 2009 será o do investimento territorializado máis alto da historia de Galiza”. Hai que lembrar que o consignado no proxecto de Orzamentos para o territorio galego se cifra en 2.020 millóns, que o BNG vai aumentar en 125 millóns.
Lei de Dependencia
Francisco Jorquera afirmou que tamén se acordou atender as necesidades de Galiza en relación á lei de Dependencia. “Asegurar que as políticas de dependencia estean suficientemente dotadas a nivel financieiro, e que as medidas a adoptar ao respeito partan dos principios de estabilidade financieira, suficiencia e respecto ás competencias autónomicas”.
Completar antes do 15 de decembro as competencias pendentes
O parlamentar do BNG rematou a súa explicación sinalando que se chegou ao acordo de que se efectivicen os traspasos de competencias pendentes, xa acordados hai un ano, antes da data do 15 de decembro deste ano.