22 octubre 2008

Outra vez o exemplo de Portugal :
agora nas autoestradas

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno que “adopte as medidas necesarias para que as empresas concesionarias de autoestradas devolvan ao usuarios unha parte da peaxe cando se realizan obras na calzada que ralentizan de forma manifesta a circulación”.
Pérez Bouza denuncia que “no Estado Español non existe ningunha normativa que garanta os dereitos dos usuarios das autoestradas como consumidores deste servizo”.
O senador nacionalista pon o exemplo da Autopista do Atlántico, construída con fondos públicos e de titularidade estatal, pero xestionada por unha empresa privada (AUDASA), onde “cando se realizan obras, que provocan atascos e os correspondentes atrasos para os usuarios, estes non teñen ningún dereito a reclamaren unha devolución de parte da peaxe”.
“En definitiva -critica- o usuario/cliente das autoestradas de peaxe do Estado español non ten ningún dereito nestes casos nos que a concesionaria lle presta un servizo claramente inferior”.
O exemplo de Portugal
O senador do BNG pon como exemplo a seguir polo Goberno español a reforma levada a cabo en Portugal, onde a Lei 24/2007, que entrou en vigor o pasado 24 de xullo, determina os procedementos para a reclamación e devolución das peaxes relativos a tramos ou subtramos en obras nas autoestradas de titularidade estatal.
En concreto, a normativa portuguesa permite aos usuarios das autoestradas de peaxe solicitar que se lles devolva a parte correspondente ao tramo en obras, cando estas ralentizan de forma evidente o tránsito. O usuario ten 60 días, a contar dende o paso polo tramo en cuestión, para reclamar e a concesionaria terá que restituír o diñeiro nun prazo máximo de 30 días unha vez recibida a reclamación.
Xosé Manuel Pérez Bouza salienta tamén que a lei vixente en Portugal establece as condicións mínimas que deben cumprir as empresas concesionarias cando realizan obras nas autoestradas, como que o tramo en obras non exceda os 10 quilómetros, que o límite de velocidade non sexa inferior a 80 km/hora, ou que o ancho da vía non poida ser inferior a dous terzos da largura da vía inicial.