

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna / Fotos de Xan G. Muras) .- Anxo Quintana, tras ser proclamado candidato á presidencia da Xunta por máis do 95% dos votos, na asemblea extraordinarioa do BNG, reivindicou no seu discurso ante a militancia que todas as forzas políticas que se presenten ás eleccións galegas aclaren se están dispostas a apoiar un Estatuto de Nación. “Necesitamos un Estatuto de Nación, para que Galiza exista e para que non quede atrás”, asegurou. “Os galegos e as galegas teñen dereito a saber se todos os partidos están dispostos a que o país teña un Estatuto de primeira”, segundo Quintana.
O portavoz nacional e candidato á presidencia da Xunta deu as grazas e parabenizou aos asistentes pola “confianza que depositades en min” e comprometeuse a traballar “até a última pinga de suor para ser un digno representante da mellor xente de Galiza”.
Destacou que na Asemblea, o BNG non foi “mirarse o embigo”, senón que foi “corrixir erros pero sobre todo, a preocuparse polos problemas da xente”. Así mesmo, destacou que “ninguén aquí se preocupou polos efectos da crise en Wall Street, senón entre os cidadáns”.
Respecto por Galiza
O portavoz nacional destacou que “os galegos non queren guerras nin submisións”. Nesa liña, afirmou: “eu non quero gobernos amigos nin inimigos; quero gobernos que respecten a Galiza como nación” e comprometeuse a esixir do Estado un diálogo bilateral coa nosa administración.
Maioría social galeguista
Quintana asegurou que o BNG actúa en política “coa sabiduría do pobo”, e por iso “cada vez hai máis xente que mira cara a nós”. Así, dirixiuse “a todos os que desde distintas posicións levan a Galiza no corazón” para que “entre todos xuntos construamos un país de liberdade e orgulloso da súa identidade”.
Concurso eólico como exemplo de democracia
O actual vicepresidente da Xunta puxo en valor a aposta do goberno galego por internacionalizar a nosa cultura, revitalizar o medio rural, facilitar o acceso á vivenda e mellorar os servizos sociais. En definitiva, empregar os recursos do autogoberno para limitar os efectos da crise e “xerar benestar para os cidadáns”, unha idea na que “cada vez acreditan máis persoas”.
Destacou tamén o proceso de concesión de licencias para os parques eólicos: “As cuestións relativas a Galiza, por primeira vez na Historia, estanse a decidir en órganos escollidos polos cidadáns, e non no consello de administración dunha multinacional que non ten nada que ver con nós”, asegurou. “Iso é democracia, o poder do pobo, aínda que a algúns parece que lles molesta”.
Así mesmo, sinalou, a través dunha anécdota, o elevadísimo grao de aceptación que está a ter o modelo educativo das galescolas, pola súa profesionalidade, e tamén pola escolla do idioma galego como lingua veicular.
“O mellor resultado da historia do BNG”
Anxo Quintana rematou o seu discurso expresando a súa convicción de que o BNG terá “o mellor resultado da súa historia” nas próximas eleccións ao Parlamento Galego.
- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, pedíu esta mañá na súa intervención na Asemblea Nacional Extraordinaria o apoio “de todos e todas para que o proxecto transformador, a favor das maiorías sociais do BNG sexa o Partido Galeguista do século XXI, a forza política que sexa capaz de abrazar esa maioría social galeguista que quer que unha forza política propia rixa o destino do país”. Quintana asegurou na presentación da súa candidatura que o BNG vaise marcar “o reto de acadar o mellor resultado da súa historia nas eleccións galegas” e puxo como aval os dados dos comicios municipais e estatais nos que o nacionalismo xa se refrendou como forza política con forte implantación no país.
- O líder nacionalista presentouse como “representante dun proxecto colectivo, o do BNG, do seu programa, e pido con humildade o voso apoio para ser o voso candidato nas próximas eleccións”. Quintana fixo especial fincapé na súa intervención no feito de que “o BNG é diferente” e exemplificou esta diferencia no xeito de abordar a situación de crise económica, asi, “fronte á economía especulativa, nós temos unha economía con raíces, baseada no territorio e pensada para a xente”. “A alternativa ao disparate que nos presentan outros”, continuou, “é o proxecto nacionalista, de benestar e igualdade, porque iso é o que necesitamos, un proxecto político próximo á xente”. O candidato asegurou que o BNG é “garantía da autocrítica tan necesaria” e indicou que é a única forza política que “non deixa nun alegato progre a igualdade entre homes e mulleres, senón que o leva á acción de goberno”. O líder do Bloque dixo que a proximidade do nacionalismo á xente “é o que temen os nosos adversarios, é o que lles molesta e ése é un valor político ao que non imos renunciar”. Outro dos valores irrenunciábeis do proxecto político nacionalista é, tal e como incidíu o candidato, “a defensa do noso idioma, porque en el está a nosa identidade” e opinou que “é imposíbel o benestar sen identidade”.