26 noviembre 2008

Ponteareas : O BNG pide que Castro explique no Pleno porque “renuncia a unha galescola e un centro de día"

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .-O BNG de Ponteareas pedirá no pleno vindeiro, que a concelleira de Servizos Sociais, Nava Castro, explique o que os nacionalistas consideran a “renuncia a unha galescola e un centro de día en Ponteareas”. A petición, que será defendida polo concelleiro e membro da Executiva Nacional do BNG, Roberto Mera, xurde logo de que “desde o mes de xullo o Alcalde se negase de maneira reiterada a respostar ás preguntas formuladas polo BNG nas que se pedía que aclarase porque razón o concello non solicitaba eses equipamentos sociais nin ofrecía terreos á Vicepresidencia da Xunta”.
O BNG destaca que nos últimos 3 anos construíronse e entraron en funcionamento 93 galescolas e 41 centros de día en todo o país, están en construcción 15 centros de día e 7 galescolas, pendentes de licitar este ano 4 galescolas máis e 5 centros de día e están encargados 20 proxectos máis entre galescolas e centros de día. Eses centros, engaden os nacionalistas, “son realizados a través do Consorcio Galego de Servizos Sociais creado pola Vicepresidencia e que agrupa a 280 concellos de todo o País, entre eles Ponteareas. Son 93 galescolas e 41 centros de día postos en funcionamento en concellos de todas as cores políticas, como no caso do Condado onde se puxeron en marcha nos concellos de O Covelo, A Cañiza, As Neves, Mondariz, O Porriño ou Salceda”.
O BNG lembra que Ponteareas conta hoxe só con 135 prazas de 0 a 3 anos e cunha poboación infantil nese tramo de idade que ascende a máis de 1.000 nenos/as. “Hai unha necesidade evidente e acuciante para centos de familias, para moitas parellas novas que ven complicado conciliar a súa vida familiar e laboral pola escaseza de prazas de educación infantil”, engaden
Segundo o BNG “a pesares de que é unha necesidade que ninguén discute, sorprendentemente nos últimos tres anos e medio o goberno local do PP, a diferenza de centos de concellos, entre eles moitos do PP, non solicitou a Vicepresidencia a creación de ningunha galescola e centro de día, nin ofreceu os terreos para realizar esa actuación.” Os nacionalistas consideran máis sorprendente este comportamento “se temos en conta que ao mesmo tempo o PP ten solicitado á Xunta e a Deputación investimentos en asuntos que son de exclusiva competencia municipal ou en obras peregrinas e inxustificadas como unha fonte luminosa”.
O BNG preguntará á concelleira de Servizos Sociais cales son os motivos polos que o goberno non solicita unha galescola e un centro de día, se os motivos responden a problemas internos dun goberno que no seu día votou dividido a adhesión ao Consorcio de Vicepresidencia e se a concelleira pensa mudar a súa actitude e solicitar eses equipamentos sociais.