10 febrero 2009

BNG demanda a Zapatero que “non escoite os cantos de sirea que peden flexibilizar o mercado laboral”, rematar cos obstáculos no naval ...

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, dirixiuse esta tarde no Pleno ao Presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, para proporlle algunhas das medidas anti-crise do BNG como a necesidade de operativizar o ICO como unha banca pública, a creación dun salario social para parados de longa duración ou a modificación da lei de morosidade para axudar ás PEMES.


O Presidente do Goberno español comparecía nun Pleno monográfico para dar conta das medidas desenvolvidas fronte á crise económica. Jorquera deixoulle claro que o BNG non xoga ao alarmismo “para sacar tallada partidista da crise. Participamos na política estatal con vocación construtiva e estamos dispostos a cooperar”. Pero, subliñou, precísase dun cambio de estratexia, “cambios estructurais non simples medidas paliativas”.

Propostas do BNG: operativizar o ICO como unha grande banca pública ou participar no capital dos bancos

En primeiro termo, Jorquera urxiu a Zapatero a un cambio de estratexia para inxectar liquidez á economía. Neste sentido, lembrou que o BNG se opuxo ao seu plano de axuda aos bancos. “Advertíamos que ese non era o camiño para asegurar que os fondos chegasen á economía real. Temiamos que os bancos utilizasen esos recursos só para cadrar os seus balanzos. Os feitos déronnos a razón e de nada serve dicer que ao Goberno agora se lle está a esgotar a paciencia”.

Por iso, demandou que o Estado regule o sistema financeiro, “ten que tutelar de forma directa o destino deses fondos e para elo hai dous camiños: operativizar o ICO como unha grade banca pública ou participar no capital dos bancos para entrar nos Consellos de Administración”.
Non é nada estrano porque subliñou que incluso “EE.UU está a estudar o feito de nacionalizar todo o seu sistema financeiro”.

Modificar a lei de morosidade para aliviar ás PEMES

O parlamentar nacionalista tamén puxo enriba da mesa outra das alternativas do BNG “que moitas PEMES agradecerán .modifiquen a actual lei de morosidade para reducir o prazo de pago das operacións comerciais”. Unha medida que favorecería a moitas PEMES, aliviaría as súas tensións de tesourería e remataría con moitos dos abusos por parte dos grandes grupos de distribución.

Axudas a sectores como o automóvil condicionadas a evitar a deslocalización e asegurar o emprego

Jorquera puxo de manifesto o desacordo do BNG dunha política que derive axudas públicas ao sector privado só para “socializar as súas perdas”. Neste eido, amosouse partidario de axudar ao sector do automóvil e outros pero “con axudas condicionadas a evitar a deslocalización e asegurar o mantemento do emprego”.

Reformas estruturais

Para o BNG o plano de investimentos locais debe estar acompañado de medidas estruturais para mudar o patrón de medre. E enumerou medidas: aposta polo I+D+I, polo desenvolvemento das enerxías renovábeis “como fai o Goberno galego”, acelerar as grandes infraestruturas produtivas, máis investimento en educación e en servizos e equipamentos sociais.

Crear un salario social para parados de longa duración

O parlamentar nacionalista pediu doutar de máis recursos á cobertura de desemprego ou “crear un salario social para evitar situacións de probeza xa que todo sinala que haberá un grande continxente de parados de longa duración”.

Rematar coas trabas á producción propia no naval

Jorquera empregou un lema que presidiu moitas manifestacións na Galiza: “poder producir para poder vivir”, para lembrar a Zapatero que “resulta inaceptábel que continuemos padecendo obstáculos ao desenvolvemento das nosas capacidades produtivas, en especial no naval. Lémbrolle que adquiriu un compromiso e continuamos agardando a súa resposta”.

Non á unha flexibilización do mercado laboral

Fixo un aparte para demandarlle ao Presidente do Goberno que non “se deixe seducir polos cantos de sirea que peden unha reforma do mercado laboral para flexibilizalo”. A aposta, advertiu, “debe ser a contraria, un emprego máis estábel e de calidade se quere reactivar a demanda interna e a economía”.

Nesta liña, requeriu unha mellora e modernización dos servizos públicos de emprego, reforma da FP e unha axilización da posta en marcha do Estatuto do Traballador Autónomo.