25 abril 2009

Novo paso adiante na posta en marcha do grao en Enxeñaría Industrial : O Centro Superior da Defensa será dirixido por José María Pousada

PONTEVEDRA (Camino Carballeira | Diario da Universidade de Vigo)
Coa constitución formal do Padroado do Centro Superior da Defensa realizada este venres, a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín dan un paso máis para que en setembro de 2010 se poña en marcha o título de Enxeñaría Industrial e os estudantes da escola saian co seu despacho militar nunha man e un grao, completamente adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior, na outra. Para darlle un impulso definitivo cara a ese obxectivo na súa primeira xuntanza o Padroado nomeou a José María Pousada, quen ata febreiro dirixiu a ETSE de Telecomunicacións, director do novo centro. Na reunión estivo presente a subscretaria do Ministerio de Defensa, María Victoria San José; o reitor da Universidade, Alberto Gago; o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela; e o comandante director da ENM, José Luis Urcelay; ademais doutros representantes militares.
O reitor valorou moi positivamente este paso e considerou que “ten moitísimo interese para Universidade”. Explicou que non lle parecía "moi dimensionada a idea de crear unha universidade militar exclusiva” e considerou a creación do centro como “unha fórmula de integración dentro da sociedade civil máis”. Ao mesmo tempo destacou o valor estratéxico da aposta pola enxeñaría para a propia Universidade pois implica dar a coñecer fóra da Armada “algo que nós xa sabemos e é que a Armada ten nos seus estudos e nas súas propias investigacións moitos puntos de contacto coa Universidade de Vigo”.

Elaboración do plan de estudos
Para levar da man esta maridaxe, o Padroado escolleu a José María Pousada cuxo primeiro reto será “colaborar coa Escola de Industriais na elaboración do plan de estudos”. Un asunto laborioso xa que terá que facer compatibles os 240 créditos da carreira civil con 140 máis das materias militares que levarán os alumnos aos graos de alférez de navío, para o corpo xeral, e tenente, para o corpo de Infantería. O novo director do Centro Superior da Defensa considera este novo posto “un reto apaixoante porque é un centro como os outros da Universidade, pero cunhas peculiaridades e hai que abordar todo o proceso desde o principio”. “Eu fun director de Telecomunicación durante seis anos pero cando eu cheguei a escola xa levaba en funcionamento 16 anos, pero agora aquí, de momento, estou eu só”, di bromeando. A partir do luns, Pousada, que ademais é natural de Marín, comezará a desenvolver o seu traballo.
Desde calquera perspectiva, esta adscrición supón beneficios para as dúas partes e neste sentido, Pousada apuntou que este centro “non supón unha competencia para a Escola de Industriais porque o mercado de alumnos, por así dicilo, é distinto”. A maioría dos alumnos de Vigo son galegos, “especialmente da zona sur”, mentres que os do Centro Universitario da Defensa “é xente que quere ser oficial da Armada e neste caso, e como parte desa formación, realizará o grao en Enxeñaría Industrial”.
A rama escollida para impartir no novo centro é a de Mecánica, unha solicitude da Escola, que considera que será a máis beneficiosa para os seus alumnos, polo traballo que despois deberán desenvolver e que mellora tamén as perspectivas para os oficiais que nun momento determinado da súa carreira decidan cambiar de orientación profesional.

Unha colaboración que non é nova
Desde o ano 1993, Universidade de Vigo e Escola Naval Militar de Marín comparten a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, unha experiencia excelente que facilita moitas cousas: compartir recursos, compartir profesores, intercambios de alumnos. Neste ano tamén se puxo en marcha, grazas a un esforzo conxunto a realización do Máster de química cuántica nas instalacións militares. Pero hai outros anteriores como a colaboración da Escola de Telecomunicacións de Vigo coa Escola Naval, concretamente, co Centro de Medidas Electromagnéticas, para o desenvolvemento de estudos de doutoramento en electromagnetismo.