MOS (MORRAZO-tribuna) .- Mos celebra a I Festa do Ovo Estrelado no Pavillón Oscar Pereiro. Esta mañán presentouse no Bar Casa Panadeiro, en Petelos-Mos, a primeira edición da Festa do Ovo Estrelado con Chourizo e Pan de Millo. Á presentación
acudiron o presidente da Peña Celtista de Mos, José Manuel Martínez Pereira, o concelleiro de Deportes, Alberto Méndez Lago, o tamén edil mosense, Luis Alonso Seijo, e un representante de Catering Alfonso, empresa que se encargará de preparar e servir as viandas o domingo 17 de maio, día no que se celebrará por vez primeira en Mos esta celebración gastronómica.
A I Festa do Ovo Estrelado, organizada pola pola Peña Celtista de Mos e coa que colabora o Concello, contará o vindeiro domingo cun total de 4.000 ovos fritidos que suporán 2.000 racións a repartir entre os asistentes ó evento. Cada ración
custará 7 euros, prezo no que se inclúen dous ovos, un chourizo, un anaco de pan de millo, un plato e un vaso decorados; e un garfo e un coitelo, ambos de madeira.
A festa terá lugar no Pavillón Oscar Pereiro. No interior do mesmo instalarase unha exposición na honra do popular ciclista mosense na que se poderán contemplar fotografías e portadas de periódico das que foi protagonista, algunhas das bicicletas que o acompañaron na súa traxectoria deportiva, entre as que se atopa coa que gañou o Tour de Francia 2006; e un maillot amarelo da súa propiedade. O presidente da Peña Celtista de Mos adiantou hoxe en rolda de prensa que na próxima edición da festa intentará que a exposición estea adicada ó Real Clube Celta.
Na presente edición, que se celebrará o domingo, haberá tamén unha mostra de coches clásicos “que será posible gracias á colaboración de propietarios particulares e empresas que se achegarán para expor os seus vehículos”, declarou Martínez Pereira esta mañán.