VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Mañá, as 13,00 horas, na Consellería de Medio Rural, terá lugar a primeira xuntanza entre a Dirección Xeral de Política de Defensa e os novos responsables da Consellería do Medio Rural, para a posta en marcha do Convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia para a prevención de incendios forestais, na campaña de 2009.
Esta xuntanza contribúe á colaboración que dende fai máis de 10 anos veñen exercendo a Dirección Xeral de Política de Defensa e a Consellería do Medio Rural, encargada da defensa contra incendios forestais en Galicia.
O encontro que manterá o conselleiro Samuel Juárez Casado e os seus colaboradores na defensa contra incendios co subdirector xeral de Cooperación e Defensa Civil, xeneral, José Javier Muñoz Castresana, pechará un novo acordo de colaboración que, a modo de resumo, consistirá nun despregue mínimo composto por 23 patrullas terrestres (dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro) e dous helicópteros de vixilancia nos meses de xullo e agosto, que se distribuirán nas zonas asignadas pola consellería de Medio Rural.
Este despregue pode reforzarse dun xeito escalonado, en función das necesidades de prevención, con máis patrullas terrestres e helicópteros, ata acadar un máximo de 75 patrullas terrestres e catro helicópteros de vixilancia.