VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou hoxe que coa nova Lei de Pesca de Galicia se reiniciará o período de concesiónes das bateas, ata un máximo de 30 anos, como contempla a Lei de Costas do Estado de 1.988, con renovacións cada dez anos.
Rosa Quintana, que mantivo un encontro cunha representación da Federación de Asociacións de Mejilloneros de Arousa Norte na súa sede de Boiro, encabezada polo seu presidente, Manuel Franco, atende así unha das demandas do sector, como é 'poñer o contador das concesións a cero', co fin de garantir o futuro dos concesionarios que se dedican á cría e extracción deste bivalvo.
A conselleira do Mar indicou que “o sector bateeiro atravesa unha situación difícil, pero se todas as partes implicadas, produtores, industria transformadora e Administración, traballamos ombro con ombro, sairemos adiante”. Neste sentido manifestou que o Goberno da Xunta quere poñer en marcha un Plan Estratéxico do Mexillón de Galicia cos obxectivos de mellorar a produción e a competitividade. “Para iso -sinalou- é necesario evitar a atomización e fortalecer ás organizacións que aglutinan aos bateeiros”. Para comezar a deseñar o Plan Estratéxico reclamou a participación das partes implicadas.
Respecto ao proceso electoral no Consello Regulador do Mexillón de Galicia indicou que tan pronto como conclúa coa estrutura orgánica da Consellería, reemprenderase o proceso.
Pola tarde a conselleira fixo extensivos estas propostas á Asociación de Mexilloeiros 'Virxe do Rosario', con cuxos representantes mantivo un encontro en San Caetano.