VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro do Medio Rural presidiu hoxe a primeira reunión entre o equipo deste departamento autonómico e a Dirección Xeral de Política de Defensa para a posta en marcha dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia para a prevención de incendios forestais nos montes galegos o vindeiro verán. Esta xuntanza serviu para avaliar este novo acordo de cooperación que ambas partes asinarán nos vindeiros días.
Á xuntanza asistiron o Director Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, e o Subdirector Xeral de Defensa contra Incendios Forestais, José Carlos Costas, ademais do Subdirector Xeral de Cooperación e Defensa Civil do Ministerio de Defensa, o xeneral José Javier Muñoz Castresana, e nela trazáronse as principais liñas de actuación que recollerá este convenio que vén reflectir a estreita colaboración entre a Administración autonómica e o Ministerio de Defensa.
Así, de acordo aos plans cos que traballa a Consellería e a Dirección Xeral de Política de Defensa en materia de prevención de incendios para a campaña de 2009, a Xunta contempla un despregue de ata 75 brigadas terrestres que estarán activas desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, e de catro helicópteros de vixilancia para supervisar as zonas asignadas pola Consellería do Medio Rural.
A reunión celebrada hoxe serviu para pechar os detalles e termos deste convenio que, nos vindeiros días, asinarán os representantes de Defensa e da Consellería do Medio Rural.