08 octubre 2008

Alcaldesa en funciones y Comerciantes estudian nuevas ideas para mejorar el centro urbano y monumental de Pontevedra


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- As necesidades que o centro histórico ten, a xuízo do Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCZU), foi o obxecto dunha nova reunión celebrada hoxe coa tenente de alcalde, concelleira de Urbanismo e delegada especial para este ámbito, Teresa Casal García. O encontro, que se prolongou durante máis dunha hora deu para repasar preto dunha ducia de asuntos nos que a directiva da entidade comercial, que preside Miguel Lago, presentou propostas e ideas que foron acollidas de bo grado pola tenente de alcalde.
CCZU quere potenciar ao máximo o Mercado de Abastos e o seu entorno. Por este motivo propuxo dúas actuacións escultóricas no eixe viario que conduce a este inmoble ou nas súas inmediacións. As ideas céntranse na figura do pirata da Moureira, Benito Soto, e un grupo alegórico sobre a figura dos peregrinos, aproveitando a cercanía do Mercado de Abastos ao Camiño Portugués.

Durante a conversa Teresa Casal agradeceu as suxestións e confirmou os seus plans de trasladar unha fonte de ferro correspondente á primeira traída de auga de Pontevedra, ubicada actualmente na avenida de Santa María, ata a praza de Celso García de la Riega, moi preto de onde estivo orixinalmente emprazada. A directiva de Miguel Lago aproveitou tamén a ocasión para interesarse polo Centro de Drogodependentes da praza de Valentín García Escudero e o seu futuro, cuestión que quere falar coa concelleira competente neste eido, Margarita Castejón, así como polas opcións para a ubicación definitiva da parada de autobuses da avenida de Bos Aires. Teresa Casal indicou que, sobre este asunto, hai dúas opcións que se están a barallar: a colocación no bordo da zona verde da praza de Valentín García Escudero (o que podería acarrexar algún problema de tráfico) ou a parte traseira do edificio da Praza de Abastos, que, a pesar estar deseñada como zona de carga e descarga, está sendo utilizada como aparcamento indiscriminado de vehículos. Teresa Casal estuda reducir o espazo desta carga e descarga á metade e acoplar a este punto a parada de autobuses. Polo momento, non hai decisión tomada.

A concelleira agardeceu tamén o respaldo recibido do Centro Comercial Urbano para dúas obras que, dende o seu punto de vista, supuxeron un cambio sustancial para a mellora do tráfico nesta zona, como a construción da rotonda no cruzamento coa rúa Galera e, sobre todo, a recuperación dos catro carrís na cabeceira da ponte do Burgo. O arranxo da rúa Real foi o seguinte asunto que CCZU puxo sobre a mesa. A obra, realizada entre setembro de 2004 e abril de 2005, concluíu con importantes deficiencias e hai varias lousas e tapas rotas que non se dan arranxado. A concelleira delegada do centro histórico confirmou que a obra segue sen ser recibida e o Concello está pendente de que a empresa adxudicataria remate os arreglos ós que está comprometida. Teresa Casal tamén confirmou que o seu departamento licitará en breve un novo contrato de mantemento do centro histórico, moi probablemente baixo a fórmula de contrato de servizos, co que pretende garantir a conservación do pavimento e dos elementos patrimoniais.

CCZM solicitou tamén a axilización do procedemento de poxa para allear os locais municipais nos baixos do edificio da esquina entre Valentín García Escudero a avenida de Bos Aires. Casal García ratificou, asemade, que esa é a idea coa que se traballa. A continuación falouse da necesidade de promocionar o Santuario da Virxe das Aparicións, sito na rúa de Sor Lucía, especialmente en Portugal, co obxecto de convertela nun referente do turismo relixioso. A directiva do Centro Comercial Urbano subliñou, a continuación, a súa aposta pola recollida de lixo polo sistema do “cubo express” (sen colectores na rúa), proposto e defendido reiteradamente por Teresa Casal para o centro histórico. A concelleira volveu explicar que trátase dun tema que, ó estar directamente vencellado ó servizo municipal de recollida de lixo e limpeza viaria, non é da súa competencia, aínda que ten falado moitas veces ó seu favor no seo dos órganos colexiados de goberno. A directiva da asociación comercial coincidiu en que a experiencia doutras cidades anima a estudar axeitadamente este sistema para o centro histórico pontevedrés. Con este ánimo, e dado que o CCUZM dispón de dúas bolseiras que están a realizar prácticas na súa organización, vailles encargar a realización dunha sondaxe estatística no centro histórico na que se investiguen cuestións como o grao de satisfacción co servizo actual, melloras a propor e o grao en que veciños e comerciantes estarían dispostos a sumarse ao sistema do “cubo express” e asumir as obrigas que comporta en canto a horarios de retirada do lixo.
A reunión concluíu coa análise de cuestións como a futura sede do Colexio de Arquitectos na esquina de Arzobispo Malvar coa avenida do Uruguai e o proxecto para a remodelación do edificio do Savoy.