08 octubre 2008

Remata a primeira fase de obras
na praia fluvial de Pontevedra


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Rematado o muro de contención da area da zona de baño, é preciso esperar ata febreiro para o facer o aporte de area. Mentras Hidroscivil acondicionará toda a zona en superficie comezando coa ponte que unirá o Salón do San Bieito e a praia fluvial, que promove a Concellaría de Medio Ambiente que xestiona Raimundo Carballo
A primeira parte da recuperación da praia fluvial de Monte Porreiro está rematada. A empresa Hidroscivil acabou a pasada semana a construcción do muro acuático de contención comezado o pasado 15 de setembro. Agora haberá que esperar ata ao mes de febreiro para acometer a segunda intervención na auga: o aporte de area. Mentras, a empresa acometerá toda a mellora e acondicionamento da zona da zona verde.

Nestes meses, e coa intención de que a praia esté lista para a vindeira época estival ou a finais da primaveira, Hidroscivil comezará o tratamento do terreo desbrozando, prantando céspede de alta calidade, arborado, a zona na que estarán os servizos, o espazo de salvamento, o kiosko, e a ponte de madeira que unirá a praia fluvial cos salóns do Lérez, entre outros traballos.Está previsto que a vindeira máxima mínima equinocial será en febreiro, data que terán que aproveitar os técnicos de Hidroscivil para retirar o recheo provisional feito para levantar o muro de contención, así como os lodos e restos orgánicos que teña a zona de baño, e facer o aporte de area que será duns 50 centímetros. Os técnicos están a estudiar a posibilidade de colocar unha barreira anticontaminación permanente entre o cauce do río e a area para evitar que se manche e garantir a calidade da auga e da zona de baño.

Como xa se informara, o muro ten unha algura duns dous metros, e está soterrado. A súa función é a contención da area que se aportará en febreiro. Para executar este muro foi preciso facer pequenos diques que se retirarán para facer o aporte de area.