23 octubre 2008

As Xornadas das Mulleres Veciñais de Vigo tratarán a conciliación da vida afectiva, laboral e familiar

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O vindeiro martes, mércores e xoves, 28, 29 e 30 de outubro terán lugar no Centro Cultural Caixanova (Policarpo Sanz nº13, Vigo) as XVI Xornadas das Mulleres Veciñais de Vigo. Nesta ocasión para traballar a conciliación como eixo da igualdade entre homes e mulleres
A Vogalía de Muller da Federación Veciñal “Eduardo Chao” organiza as XVI Xornadas das Mulleres Veciñais de Vigo, en colaboración coa Concellería de Igualdade – Concello de Vigo, Tenencia de Alcaldía – Concello de Vigo e Adecco Trainning.
Un ano máis as Xornadas de Muller configúranse como punto de encontro entre as mulleres da cidade para traballar, analizar e debatir diferentes temas de actualidade que contribúan a promover e potenciar valores e conductas de igualdade. Deste xeito as XVI Xornadas tratarán a conciliación como eixo fundamental da igualdade entre homes e mulleres.
Durante os tres días pola tarde, de 16.30 a 18.30 horas haberá obradoiros simultáneos e rotativos dirixidos por unha psicóloga, unha psicolalista, unha experta en arteterapia e unha mestra en educación para a saúde; as mulleres terán a posibilidade de aprender a reorganizar os seus tempos, desenmascarar os ideais impostos pola sociedade actual, reflexionar sobre as relacións por medio das cores ou mesmo coñecer como conciliar as obrigas e cargas co benestar para coidarse a si mesmas.
Ao remate dos obradoiros e tras unha pausa para tomar un café, será o turno das conferencias e o debate coas intervencións da psicóloga industrial e mestra da Universidade de Deusto: Dª Nekane Rodríguez de la Garza, a secretaria xeral de igualdade na Vicepresidencia da igualdade da Xunta de Galicia: Dª Carme Adán Villamarín e a psicóloga e periodista Dª María Jesús Álaba Reyes; ponentes que darán verbo dos diferentes ámbitos da conciliación: laboral, afectiva e familiar.
A asistencia e participación nos obradoiros e conferencias é gratuíta. As prazas para os obradoiros son limitadas polo que é conveniente que todas as mulleres interesadas fagan a súa incrición na Federación Veciñal “Eduardo Chao” na pz. da Princesa nº7, 2º de luns a venres de 9.30 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas, no tefóno 986 223 067 ou no e-mail : eduardochao@favec.es.