20 octubre 2008

O BNG PERGUNTA POLO ESPAZO QUE OCUPA A INFORMACIÓN DEPORTIVA REFERIDA A MULLERES NOS PROGRAMAS DA CRTVG

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A portavoz de Igualdade do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, rexistrou unha pergunta para a súa resposta oral sobre a necesidade de promocionar na televisión pública galega o deporte feminino.
A deputada nacionalista lembra que no V Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres 2007-2010 “estbelécese como obxectivo potenciar a inclusión da perspectiva de xénero no ámbito do deporte impulsando a participación e a práctica deportiva profesional e afeccionada das mulleres”.
Xa que logo, o BNG quer saber que actuación están a desenvolverse por parte da CRTVG “para promover a equidade no ámbito deportivo, potenciando unha imaxe igualitaria nos medios de comunicación” e interésase polo espazo que ocupa esta área nos informativos da cadea.
Persoas Maiores
Por outra parte, a través da deputada Modesta Riobó, o BNG tamén se interesa polo papel dos medios públicos na sensibilización social cara o recoñecemento das persoas maiores.
Riobó lembra que nestes momentos coexisten en Galiza catro xeracións cunha esperanza de vida que se achega aos 80 anos, “esta tendencia demográfica –explica- supón que esteamos ante un novo desafío, o de entender e, por suposto, aprender a manexar esta realidade, unha realidade que precisa de cambios nos medios públicos galegos para que se lle dea resposta”.