20 octubre 2008

QUINTANA: “A LOITA POLA IGUALDADE ENTRE HOMES E MULLERES É BOA PARA AS MULLERES PERO TAMÉN O É PARA O CONXUNTO DA SOCIEDADE”

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, participou en Vigo nos actos convocados polo Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. Asegurou, en declaracións aos medios no comezo da manifestación que, “a loita pola igualdade entre homes e mulleres é boa para as mulleres pero tamén o é para o conxunto da sociedade, e desde logo é un orgullo que Galiza e as mulleres galegas estean na loita pola igualdade de dereitos, e que Galiza sexa sede unha vez máis da Marcha Mundial das Mulleres”.
“A loita pola igualdade de dereitos e de oportunidades entre homes e mulleres é unha loita das máis dignas que se pode levar a cabo nesta vida. Un país que loita pola igualdade é un país con futuro. Un país que quere deseñar o seu futuro en liberdade non pode desperdiciar o 50% do capital humano que supoñen as mulleres”, engadiu.
Con el estiveron numerosos representantes do BNG, como as conselleiras de Cultura e Vivenda, Ánxela Bugallo e Teresa Táboas, respectivamente; a secretaria de Acción Feminista, Rosário Fernández Velho; os secretarios de Política Municipal e Organización, Roberto Mera e Alberte Ansede; a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán; a deputada no Congreso Olaia Fernández Davila; ou o tenente alcalde de Vigo, Santi Domínguez, entre outras e outros.