23 octubre 2008

O PP de Salceda visita as parroquias para escoitar as queixas dos veciños



















SALCEDA DE CASELAS (MORRAZO-Tribuna) .- A nova xestora do Partido Popular de Salceda de Caselas, presidida por Emma Pereira Iglesias, leva xa máis dun mes traballando a prol do municipio. Próximamente engadirán tamén ó seu programa de actividades políticas, diversas visitas ás sete parroquias que conforman a localidade salcedense co fin de informar ós veciños de cada unha delas sobre as carencias que se están a sufrir no Concello "e para que eles nos trasladen tamén as súas necesidades", según informou hoxe Santiago Rodríguez Davila, vicepresidente da xestora popular municipal.
Tanto a presidenta coma Rodríguez Davila declararon que "imos crear un grupo activo que trate de mellorar os problemas existentes no Concello e que poña fin a actual situación de desgoberno que estamos a vivir en Salceda".
Foi o pasado 25 de Setembro cando se presentou a nova xestora do PP na localidade, "un grupo dunha vintena de persoas dispostas a traballar a reo polo noso municipio", tal e como a definiu a súa presidenta, Emma Pereira. Ó acto de presentación asistiron, ademais duns 150 afiliados e simpatizantes, o presidente da Deputación de Pontevedra e presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán; o vicepresidente primeiro da Deputación, José María Figueroa; o deputado autonómico, César Pérez Ares; o voceiro e presidente dos populares do Porriño, Manuel Carrera; os alcaldes das Neves e Covelo e José Juan Durán.