06 octubre 2008

PRESENTACION DA I RUTA DA TAPA
A GUARDA 08


A GUARDA (MORRAZO-tribuna) .- Tras o éxito obtido coa anterior campaña da Ruta do Pincho, e ante a demanda tanto de clientes como de hostaleiros, Ábaco púxose a traballar nesta I Ruta dá Tapa A Guarda 08.
Nesta ocasión a asociación de comerciantes Ábaco parte con dous obxectivos, o primeiro e principal como o nome da campaña indica, seguir coa posta en valor da gastronomía da Guarda, "pero non quixemos esquecernos doutro referente importante da gastronomía da zona, como son os viños da D.O. Rías Baixas, para iso editamos unha guía onde figuran os locais participantes, un plano de situación de cada un deles, unha ampla información sobre esta denominación de orixe, as súas adegas mais importantes e outras curiosidades, como pode ser os procedementos de como realizar unha cata, todo isto foi posible grazas ao apoio económico da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, ao Concello da Guarda e a participación das sete adegas desta denominación", explicou no acto de presentación desta campaña o presidente de Ábaco.

Nesta primeira ruta, que se celebrará do 17 de outubro ao 30 de novembro, participan un total de 24 hostaleiros, ofertando as súas creacións durante todos os días da semana, en horarios de 11 a 13:30 e de 19 a 21:30 h.
Co fin de coñecer os locais participantes, entidades e adegas colaboradoras, ábaco distribuirá un total de 5.000 guías e 5.000 pasaportes para realizar a ruta.
Cada un dos 24 locais, ofrecerá unha tapa ao prezo simbólico de 1€, votando con 1, 2 ó 3 puntos a súa calidade e presentación, e o establecemento selaralle o recuadro pertencente ao seu local no pasaporte da ruta.
Os consumidores participantes nesta ruta, obterán diferentes premios pola súa participación, tanto para aqueles que finalicen a ruta cos 24 locais selados, como para os que a realicen coa metade mais un, ou sexa 13 locais selados.
Aqueles que realicen a ruta cos 24 establecementos selados, obterán de forma directa unha botella de viño da D.O. Rías Baixas, participando á súa vez no sorteo de premios especiais como estancias de fins de semana en casas rurais galegas, visitas a adegas con comida e outros pendentes de definir.
Todos aqueles pasaportes que cubran os 24 locais e todos os que tan só selasen 13, entrarán no sorteo de mais de 600 € distribuídos en vales de 20, 15, 10 e 5 € que os propios hostaleiros ofrecen como premio para consumir nos seus establecementos.
Os hostaleiros tamén obterán premio pola súa participación e pola elaboración da súa tapa, a través das votacións que os consumidores realizarán no pasaporte, determinando así a clasificación das 3 mellores tapas, obtendo o seu diploma de 1º, 2º e 3º clasificado, os demais hostaleiros, recibirán un diploma como participante nesta primeira ruta.

Na foto, un momento de conversa despois da presentación, con Xan Lois Lomba, Montserrat Prado, José A. Gándara y José M. Domínguez Freitas... os pesos pesados do Concello, con Ábaco.