09 noviembre 2008

Abel Caballero inició su gira por Argentina

BUENOS AIRES (MORRAZO-tribuna).- O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, vén de sinalar o seu municipio como “eslabón imprescindible, necesario e óptimo” para as exportacións arxentinas a Europa. Fixo estas declaracións na Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires, no inicio da súa visita oficial a Arxentina durante dous días.
Segundo informou Caballero á prensa arxentina, participará esta fin de semana no 90 aniversario da Asociación Mutualistas Residentes de Vigo, á que cualificou como “unha das institucións máis importantes de cidadáns fóra do municipio”. “É a primeira toma de contacto con eles e vou interesarme na súa situación e estudar posibles vías de intercambio”. “Aínda que estean en Arxentina, -sinalou- seguen sendo cidadáns de Vigo”.
O segundo eixe da súa viaxe é un encontro con empresarios vigueses radicados no país sudamericano. Caballero manifestouse a prol dun “municipio activo na Globalización”, tendo en conta que Vigo “é a terceira cidade exportadora de España, e o primeiro porto en consumo humano do mundo”.
Na súa intervención apostou por “unha economía de mercado aberto” e indicou que vai estudar cos empresarios galegos afincados en Arxentina vías de colaboración e mesmo non descartou valorar a posibilidade de “realizar empresas mixtas con este país”. Neste sentido, destacou a traxectoria e as posibilidades de negocio de Arxentina e anunciou que traballará para unha mellor cooperación entre as administracións e as empresas dos dous países.
Defensor dos dereitos dos cidadáns no exterior
En resposta aos xornalistas, Abel Caballero declarouse defensor dos dereitos dos cidadáns residentes no exterior e posicionouse a prol do mantemento do voto para as eleccións municipais. Neste sentido, cualificou de “cínica” a posición dos políticos que agora cuestionan a limpeza e o dereito de voto dos emigrantes e que cando gobernaban non o fixeron. Na mesma liña, amosouse partidario de mellorar as garantías e o sistema en que se realiza a votación dos cidadáns españois no exterior.
Caballero tamén realizará visitas ao Centro Galicia de Buenos Aires, o Colexio Santiago Apostol, o Centro Galego de Buenos Aires e manterá un encontro con mozos arxentinos e descendentes de galegos para coñecer a súa situación e inquedanzas.