18 noviembre 2008

A DEPUTACIÓN PON A DISPOSICIÓN PÚBLICA OS FONDOS DE CASTELAO PRESERVADOS NO MUSEO DE PONTEVEDRA

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentou este mediodía, acompañado polos vicepresidentes provinciais José Juan Durán e Teresa Pedrosa, na sala Sargadelos do Museo Provincial de Pontevedra o catálogo de fondos dixitalizados da obra de Castelao, que recolle preto de dous mil debuxos do intelectual galeguista distribuídos en máis de 1.600 soportes.
O catálogo web que hoxe se presentou, —e que pode ser visitado a partir desta tarde a través da páxina web do Museo ( www.museo.depo.es )—, pon á disposición directa de todos os cidadáns toda a obra plástica de Castelao custodiada no Museo de Pontevedra. En concreto, 1.611 soportes ou pezas da obra plástica de Castelao.
“Destes 1.611 traballos”, explicou Louzán, “a súa maioría —1.549 pezas— son debuxos. Ben caricaturas, ben carteis, ben retratos de cegos, de emigrantes, de músicos, de homes e mulleres, de negros, de vellos, de temas de mar e relixiosos, máscaras, paisaxes...”.
A procedencia destas pezas corresponde ás obras «Álbum e debuxos de Bretaña», «Álbumes de Guerra», «As cruces de pedra en Galicia e na Bretaña», «Cousas da vida. As mulleres», «Debuxos de negros», «Diario de 1921», «Os dous de sempre», «Cousas da vida. Os homes» e «Os vellos non deben namorarse».
Importancia fundamental
“Este catálogo”, apuntou o presidente provincial, “está chamado a ser un instrumento fundamental e imprescindible para todos aqueles que se acheguen á obra de Castelao dende a curiosidade ou dende a investigación. Nel, a través de sinxelas buscas poderase contemplar ó detalle cada unha das súas pezas grazas ó sistema de reprodución fotográfica.
Louzán explicou que “este moderno sistema está implantado nos mellores museos do mundo pero, neste caso, presenta a singularidade da excepcional calidade que acada, permitindo a contemplación ó detalle de cada peza de xeito minucioso. En cada reprodución de peza facilítase información técnica que se irá enriquecendo con novas entradas e datos”.