17 noviembre 2008

Motorista morto esta madrugada en Vigo

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- -Ás 7:42 a Central de Coordinación de Chamadas do 061-Galicia recibiu un aviso dun accidente de tráfico no concello de VIGO, na rúa Beiramar 71. Para atender a un motorista que se atopaba inconsciente, Urxencias Sanitarias de Galicia mobilizou unha ambulancia medicalizada que a pesar da chegada dos sanitarios non puideron facer nada por G.P.C., varón de 24 anos, que falecera.
Urxencias Sanitarias de Galicia -061 asistiu durante a fin de semana a un total de 91 persoas debido a 64 procesos de asistencia por accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do venres 14 de novembro, ata as 23:59 horas do domingo 16 de novembro. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado con 27 procesos asistenciais.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 84 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 64 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 91 persoas.
A proporción de homes atendida foi do 62 por cento e a de mulleres do 38 por cento. No que se refire ás idades dos feridos, obsérvase que un 34 por cento dos atendidos ten entre os 15 e os 24 anos.
Por provincias foi a de A Coruña a que rexistrou máis accidentes con 31 sinistros durante os desprazamentos destas datas.