18 abril 2009

Comienzan este sábado los conciertos de Espazos Sonoros en el Museo de Pontevedra

ENSEMBLE IULIUS XIII ABRE ESTE SÁBADO O CICLO “ESPAZOS SONOROS”, NO NOVO EDIFICIO DO MUSEO DE PONTEVEDRA

/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Este sábado, 18 de abril, ás 20 horas e con entrada libre, celebrarase no novo edificio do Museo de Pontevedra, organismo autónomo da Deputación, o primeiro dos concertos programados no ciclo “Espazos Sonoros” que organiza a Consellería de Cultura e Deporte.
O concerto correrá a cargo de Ensemble Iulius XIII, integrado por Jorge Montes, violín, Alfredo Gómez, clarinete, e Liudmila Shevyakova, piano, que terá como artista invitado a Carlos García Amigo, violonchelo. Conta, ademais, coa colaboración de Pablo Carballido, canto-tenor, e Margarita Vázquez, canto-mezzosoprano.
Ensemble Iulius XIII nace da fusión doutros grupos precedentes, converténdose en 2006 na formación residente de música de cámara da asociación da que toma o seu nome. Ó ser un “ensamble”, agrupación de cámara aberta con variacións posibles no número dos seus membros, conta coa vantaxe de poder adaptarse facilmente a distintos programas.
Homenaxe a Nino Rota e Ástor Piazzolla
O grupo propón rescatar e acercar ó gran público á faceta intelectual de dous grandes artistas, como son Nino Rota (1911–1979) e Ástor Piazzolla (1921–1992), cun obxectivo ben concreto: poder apreciar a luz do seu valor en todo o seu esplendor. Certamente, nos tempos que corren, á arte tamén lle custa escapar da imperante, e en ocasións angustiosa, moda de encadrar. Ástor Piazzolla pasou a ser sinónimo de “tango” e Nino Rota de “música para cinema”.
O programa do concerto, baixo o título de “Ástor Piazolla e Nino Rota. Dúas estrelas da música do século XX”, inclúe na súa primeira parte as composicións de Nino Rota “Sonata en re, para clarinete y piano” e “Trío, para clarinete, violonchelo y piano”. Na segunda, interpretarán as de Ástor Piazzolla “Adeus Nonino”, “Escualo”, “Oblivion” e “Morte do anxo”.