TOURIÑO ASEGURA QUE NA LEXISLATURA QUE REMATA GALICIA MELLOROU “CLARAMENTE” A RATIO DE ENDEBEDAMENTO XA QUE REXISTROU TRES VECES MENOS INCREMENTO QUE A MEDIA ESTATAL
O Consello da Xunta coñeceu un informe sobre o nivel de endebedamento da Xunta de Galicia, que rexistra un descenso “significativo”, pasando dun 7,6 por cento en 2004 a un 6,9 por cento en 2008
O Goberno galego tamén avaliou a situación na que queda a protección e a ordenación do litoral, unha vez que a vixencia da Lei de protección finaliza o vindeiro 17 de maio
Touriño asevera que “o Goberno de Galicia conta con todos os elementos legais e cos instrumentos para proceder, no seu caso, a delimitar e a protexer a costa do país de acordo ao plan e á Lei de protección do litoral”
O Goberno galego tamén acordou hoxe a interposición dun “conflito positivo de competencias” ante o Tribunal Constitucional en relación ao real decreto do Goberno de España que regula as iniciativas de modernización de destinos turísticos maduros
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, aseverou hoxe que a ratio da débeda de Galicia en relación co seu PIB mellorou de forma relevante nesta última lexislatura, xa que o endebedamento se reduciu de maneira “significativa”, pasando dun 7,6 por cento no ano 2004 a un 6,9 por cento no ano 2008. Así se desprende do informe sobre a situación financeira da Xunta de Galicia, coñecido hoxe polo Consello da Xunta, que desvela que na última lexislatura o endebedamento da comunidade experimentou unha redución do 0,7 por cento (cifra que se eleva a máis dun punto se non se ten en conta o endebedamento contable derivado das tres concesións de autovías mediante o sistema de peaxe en sombra realizadas polo anterior Executivo autonómico).
“Estabamos os terceiros en endebedamento, en consecuencia, quedamos os cuartos en relación coas demais comunidades autónomas”, asegurou Emilio Pérez Touriño explicando que a comparación do endebedamento de Galicia co total das comunidades é tamén “moi favorable”. De feito hoxe, dixo, “temos tres veces menos incremento de endebedamento que o total de comunidades autónomas”.
Respecto ao total do endebedamento da Xunta, o chamado tecnicamente perímetro SEC, ascende a 497 millóns de euros, dos cales 233 corresponden á débeda por pagos futuros ás concesionarias das autovías que teñen peaxes en sombra.
En canto aos entes clasificados como administración pública e que polo tanto computan á hora do déficit, segundo explicou o presidente da Xunta en funcións, o total de endebedamento ascende a 21 millóns de euros, dos cales 20 millóns se corresponden ao endebamento do Igape co BEI para o financiamento de empresas privadas en situación de crise.
En relación coas empresas públicas non clasificadas como administracións públicas, polo tanto que non computan a efectos de déficit, Touriño explicou que o endebedamento total ascende a 305 millóns de euros dos que 135 teñen que ver coa variación de endebedamento da autopista Lalín-Ourense, derivado do financiamento para construír esta autopista.
“En definitiva, mellorou claramente a ratio e o endebedamento da Xunta de Galicia; non hai endebedamento oculto de ningún tipo; e cando se fala de endebedamento estamos dando a cifra total do endebedamento, sen descontar nada”, concluíu Pérez Touriño ao respecto.
Informe sobre a protección do litoral
O Consello da Xunta de hoxe tamén coñeceu un informe oral sobre a situación na que queda a ordenación do litoral e a protección da costa, algo do que, segundo adiantou Pérez Touriño, tamén informou ao líder do PPdeG na xuntanza que mantiveron o pasado venres na residencia oficial de Monte Pío.
O titular da Xunta en funcións explicou que o Goberno de Galicia conta con “todos os elementos legais e instrumentos para proceder, no seu caso, a delimitar e a protexer a costa do país de acordo ao Plan de protección do litoral e de acordo á Lei de protección do litoral”.
Así, explicou que a moratoria que a Lei de protección do litoral establece sobre a construción nos primeiros 500 metros da costa está vixente ata o 17 de maio; que a Xunta aprobou, no seu momento, o inicio da realización do Plan de protección do litoral; e que este está actualmente “nun estado moi avanzado de realización”, de tal xeito que ten “delimitado todos os ámbitos da nosa costa, coa cartografía correspondente e cos indicadores paramétricos correspondentes respecto ás zonas de reserva de protección litoral”.
En definitiva, indicou Pérez Touriño, “están cartografados, delimitados todos os terreos e os ámbitos da costa de Galicia o que permite, de acordo ao Plan de ordenación do litoral, delimitar aqueles ámbitos que deben seguir sendo obxecto de protección”. “E poden seguir sendo obxecto de protección porque así o permite a Lei no seu artigo 5 bis que habilita, de acordo a iso, que durante a tramitación do Plan do litoral poida seguirse mantendo, máis alá do 17 de maio, a suspensión cautelar en ámbitos que polas súas características -que o propio plan na súa tramitación establece-, deban seguir sendo protexidos e que, en definitiva, non se deba autorizar nin licenza nin desenvolvemento urbanístico correspondente neses ámbitos como consecuencia da propia tramitación do plan do litoral”, aseverou.
“Conflito positivo de competencias”
No Consello da Xunta de hoxe tamén se acordou a interposición dun “conflito positivo de competencias ante o Tribunal Constitucional” en relación co real decreto do Goberno de España que regula as iniciativas de modernización de destinos turísticos maduros. O presidente da Xunta en funcións explicou que se entende que existe “unha invasión competencial” por parte do Goberno central e, polo tanto, hoxe o Consello da Xunta decidiu facer este requirimento. “A razón de facer este requirimento por parte do Goberno en funcións é que o prazo para presentar este recurso diante do Tribunal Constitucional remata a próxima semana e, polo tanto, a defensa competencial da comunidade autónoma decaería ou quedaría lesionada se non fixeramos este trámite”, explicou Touriño adiantando que se trata dun trámite do que xa deu conta ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, na entrevista mantida en Monte Pío a pasada semana.
Outros acordos
Así mesmo, o Goberno galego autorizou hoxe a renovación do convenio entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a empresa Sony Ericsson Mobile Communications Iberia S.L. para a normalización do galego no sector da telefonía móbil; e a sinatura do convenio, correspondente a este ano, para financiar o funcionamento da estrutura estable dos GRUMIR (Grupos Municipais de Intervención Rápida), 49 en toda Galicia. Segundo explicou Pérez Touriño os Grumir dependen a todos os efectos dos entes locais, pero a Xunta de Galicia cofinancia e axuda aos concellos para que poidan poñer en marcha estes grupos de actuación de emerxencia e prevención na extinción de incendios.
De igual xeito, hoxe autorizouse a sinatura dun convenio para que o Concello da Coruña poida poñer á disposición da Xunta de Galicia os terreos, libres de cargas, e asumir o control, o mantemento e a explotación, unha vez que entre en servizo o último treito a Terceira Rolda de Circunvalación da Coruña. Pérez Touriño explicou que este treito xa foi licitado en decembro do ano pasado, polo tanto, indicou, “non estamos falando da licitación nin da adxudicación dunha obra nin do trámite orzamentario, que está realizado, senón do convenio para que o Concello da Coruña poida poñer a disposición da Consellería, xuridicamente, os terreos e no seu día se faga cargo do mantemento dese treito da Terceira Rolda”.
Por último, o titular da Xunta en funcións destacou que o Goberno galego aceptou hoxe a cesión gratuíta, por parte do Concello de Tui, dos terreos para a construción do centro de saúde desta localidade. “Xa está redactado o proxecto arquitectónico do edificio sanitario”, explicou Touriño adiantando que este centro contará cun investimento de 3,2 millóns de euros.