18 abril 2009

Va a tener que echar el resto -una vez más- la Deputación para ayudar al sector turístico de Rias Baixas

A DEPUTACIÓN E O SECTOR TURÍSTICO DESEÑARÁN ACCIÓNS CONXUNTAS EN MESAS DE TRABALLO MENSUAIS PARA AUMENTAR A OCUPACIÓN NAS RÍAS BAIXAS

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o vicepresidente, José Manuel Figueroa, mantiveron unha reunión de traballo representantes e asociacións do sector turístico da provincia (entre outras Ahosvi, Asehospo, Fegatur, Avipo, Federación de Campings, etc.) para avaliar os resultados da Semana Santa, analizar a situación do sector e estudar a posibilidade de establecer accións conxuntas para atraer un maior número de turistas ás Rías Baixas.
Trala xuntanza Louzán anunciou que a Deputación porá en marcha en colaboración co sector medidas para potenciar ás Rías Baixas como destino. Así, o titular da Deputación comprometeuse a organizar unha mesas de traballos co sector que se reunirán mensualmente a fin de poñer en marcha accións conxuntas para captar turistas.
Así mesmo estudará reorientar as exposicións do Museo de Pontevedra coa organización de grandes exposicións en datas sinaladas como Semana Santa, verán ou no 2010 para aproveitar as sinerxías do Ano Santo.
Potenciación dos recintos feirais
Finalmente, Louzán manifestou a necesidade de sacarlle partido ós recintos feirais existentes na provincia (Vigo, Vilagarcía, Pontevedra, e Silleda) que considera “están claramente sendo desaproveitados, a xestión destas instalacións nos últimos anos foi desastrosa”, afirmou. “Se a isto lle sumamos a espectacular redución de voos de Iberia e Spanair, as Rías Baixas seguen a ser un destino moi lonxano”, aseverou o presidente.
Calendario de eventos
Os representantes do sector coincidiron en que para manter ou aumentar os niveis de ocupación é preciso ofrecer alternativas de ocio en datas específicas como Semana Santa xa que entenden que “os turistas non buscan so unha cama”. José Manuel Barbosa, presidente da Asociación de Hostelería de Pontevedra (ASEHOSPO) manifestou a necesidade de realizar reformas estruturais “non ten moita lóxica que nas Rías Baixas onde incrementaron máis dun 50% o número de turistas dende 2002 teñan practicamente os mesmos índices de ocupación que hai sete anos”. Neste senso, reclamou a necesidade de elaborar un calendario de feiras e eventos da provincia que permita atraer a turistas non só en épocas específicas do ano, senón tamén noutras tempadas.
Barbosa considera,sobre este respecto, que o presidente da Deputación debería estar arroupado polo sector “por unha especie de consello asesor” que lle permita tomar as mellores decisións en función das demandas ou das necesidades que en cada momento poidan xurdir, “evidentemente a decisión política final sería da Deputación”, afirmou.
Xerar confianza entre os consumidores
Tamén Barbosa entende que o problema actual deste sector “non é a crise en si, senón a falta de confianza do consumidores” para que se decidan a viaxar “o que ten un problema grave é o que non ten traballo, o que o mantén vive moito mellor cos mesmos cartos porque baixaron as hipotecas, a gasolina, os produtos da alimentación, etc, pero, en cambio, ten medo a gastar é a proba é que está aumentando o aforro das familias españolas” Para o presidente de ASEHOSPO é necesario “transmitir nunha campaña de promoción do destino esta confianza e conseguir que a xente siga vindo”.
Hoteis low cost
Finalmente, Barbosa falou da posibilidade realizar unha promoción directa naqueles puntos nos que existan voos destinados a Galicia. “Estamos traballando na idea de poder facer ofertas como as dos avións low cost pero nos hoteis, ofertas de primeira hora”, afirmou.
Neste senso especificou que “ se en maio temos unha ocupación do 70% quédame un 30% libre. Porque non vender un 3, un 5 ou un 7 por cento un mes antes a un prezo atractivo para o cliente e que o cliente poida combinar voo e hotel e porque non incluír a colaboración do comercio de maneira que calquera turista teña un pequeno ó mercar nos comercios, nas copas etc. Sería a primeira vez que traballarían da primeira man hotel, ocio, transporte, comercio e restauración “un proxecto que nos encargou o o presidente da Deputación e estamos a traballar nel”, rematou.

O presidente da Asociación de Hostelería de Pontevedra explicou que “as Rías Baixas é un destino turístico moi importante en España e que temos unha clientela moi fiel, porque aínda que notemos que viñeron menos viñeron moitos”. Non podemos esquecer que “Galicia é a sétima comunidade de España en número de turistas e as Rías Baixas o destino preferido dentro desta comunidade, rematou.
Non obstante, no caso da pasada Semana Santa, Louzán comentou que “se non forse polo termalismo ou polos hoteis con spa as cifras de ocupación que hoxe se manexan terían caído de forma espectacular”.