12 mayo 2009

Conselleira Mato promete lo que no tienen a los grandes dependientes... ¡que por prometer no quede!

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, comprometeuse hoxe a levar a cabo todos os esforzos necesarios, tanto en materia orzamentaria como de tramitación, para lograr que os grandes dependentes teñan a atención precisa que establece a Lei de Dependencia.

Mato realizou estas declaracións aos medios de comunicación en Lugo, onde se reuniu coa nova delegada territorial da Xunta na provincia, Raquel Arias. Na súa xuntanza, abordaron o estado da tramitación dos asuntos que competen a este departamento autonómico.

Neste sentido a titular de Benestar explicou que das 13.053 solicitudes rexistradas na provincia lucense, tan só 2.740 contan nestes momentos con prestación efectiva, pouco más do 20% das peticións.

Ante esta situación, Mato apostou polo benestar social e lamentou a tramitación “inexistente” e “pouco rigorosa” realizada polo bipartito, no que atinxe á Lei de Dependencia.

Por outra banda, a conselleira de Traballo referiuse tamén ao clima laboral na provincia, en concreto, aos expedientes de regulación de emprego (ERE) tramitados en Lugo. No que vai de ano, rexistráronse 22 ERE, cun número de afectados que ascende a 358 traballadores (241 en modalidade de suspensión e 117 en redución de xornada). Os sectores máis afectados foron a industria (247 afectados) e a pesca (104 afectados).

Os ERE de Lugo supoñen o 5,76 por cento do total de Galicia, que conta con 382 expedientes solicitados.

Mato contrapuxo estes datos cos rexistrados ao longo de todo o 2008, ano no que se contabilizaron 28 ERE en Lugo, que afectaron a 220 traballadores, é dicir, a 138 persoas menos que os dos primeiros catro meses deste exercicio. Por iso, a conselleira mostrou a súa preocupación ante esta situación.

Neste ámbito, a titular de Traballo asegurou o que o seu departamento será “rigoroso” no control dos ERE para garantir os dereitos dos traballadores e apuntou a que desde o Goberno galego se está a traballar sen descanso para buscar fórmulas que permitan atallar esta complicada situación e impulsar o mercado laboral.