VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que o financiamento autonómico, a chegada da Alta Velocidade, o futuro do sector lácteo e a aplicación da Lei de dependencia centrarán a súa primeira reunión con José Luis Rodríguez Zapatero. “Son as catro cuestións claves para tratar co presidente do Goberno de España e cos ministros”, avanzou o máximo mandatario galego tras recibir no Pazo de Raxoi ao novo delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, quen lle transmitiu que a xuntanza con Zapatero se celebrará nos vindeiros días e que, despois, se organizarán outras co ministro de Fomento e outros responsables do Executivo estatal. “Esta reunión serviu para avanzarlle ao delegado os temas importantes a tratar co Goberno de España”, explicou Núñez Feijóo.
No transcurso das súas declaracións, o presidente galego sinalou que a negociación do novo modelo de financiamento autonómico é unha cuestión “clave, non para o Goberno, senón para toda Galicia”. “Nós tamén estamos de acordo con que a crise económica non a deben pagar as rendas baixas, por iso tamén pensamos que tampouco a deben pagar as comunidades autónomas con menor renda”, afirmou Feijóo, quen pediu que o novo modelo garanta un financiamento adecuado de Galicia e inclúa garantías para que a evolución do sistema non minore a capacidade de financiamento da Comunidade.
O presidente da Xunta salientou, en relación coas infraestruturas e a chegada da Alta Velocidade, que o Goberno galego necesita “prazos, presupostos e activar a comisión de seguimento de infraestruturas que xa está creada”. Ademais, e con respecto ao sector lácteo, Feijóo asegurou que se trata dun sector “clave” para Galicia e para que o rural poida deter o seu despoboamento. “Espero, tamén, boas noticias con respecto á Lei de dependencia”, concluíu.
“Aliados fieis na defensa dos intereses de Galicia”
O máximo mandatario galego destacou que a lealdade será “o norte e a guía” da relación entre os gobernos de España e Galicia. “É unha lealdade por principio e, tamén, porque temos que ser leais a nós mesmos. Galicia é Estado como o resto das comunidades autónomas; todos xuntos conformamos o Estado e a nación española. Non seriamos bos galegos si non temos unha relación de lealdade co Goberno de España”, engadiu.
Núñez Feijóo agradeceu, por último, ao delegado do Goberno a súa “disposición permanente ao diálogo” e asegurou que sempre encontrará na súa figura de presidente da Xunta e en todo o seu Goberno “uns aliados fieis na defensa dos intereses de Galicia”.