12 mayo 2009

El GAS llega por fin
al concello de As Neves

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas vén de conceder a autorización administrativa que permitirá a Gas Galicia iniciar os traballos precisos para a instalación dunha rede de abastecemento de gas natural ao Concello das Neves.
A distribución de gas natural a este concello articularase a partir da rede existente actualmente para o termo municipal de Salvaterra de Miño e que dá servizo á Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (PLISAN).
Desta rede partirán dous novos ramais, cunha lonxitude total de 2,2 quilómetros de lonxitude, destinados a abastecer de gas natural á parte da PLISAN situada nas Neves. Pola súa banda, os demais consumidores do concello das Neves recibirán o subministro a través dunha rede secundaria composta por outros dous ramais, dun diámetro menor que o empregado para a Plataforma Loxística e cunha lonxitude total de 5,5 quilómetros.
Trala autorización previa concedida pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, a empresa concesionaria deberá presentar, nun prazo máximo de seis meses, o proxecto detallado das obras para que a Consellería de Economía e Industria poida outorgarlle a autorización definitiva.
Así mesmo, a autorización de Industria supón a obriga por parte de Gas Galicia de manter en boas condicións o servizo de subministración de gas natural, garantindo a conservación das instalación, a reparación das avarías e una adecuada atención aos usuarios deste servizo.
No entanto, a empresa poderá, tras obter a autorización da Consellería de Economía e Industria, transferir este servizo a outra compañía, que será a encargada de cumprir as obrigas anteriormente indicadas.