29 julio 2009

La nueva Xunta insiste en jugar a temáticas que corresponen al Estado

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou o proxecto do Plan Anual de Cooperación Galega para o Desenvolvemento, un informe que recolle o conxunto de actuacións que a Xunta de Galicia está a desenvolver no eido da cooperación ao desenvolvemento, en cumprimento dos obxectivos previstos no I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009. A presentación do plan para este ano tivo lugar no marco das reunión dos órganos asesores da cooperación galega para o desenvolvemento, que congregou á Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento (CINCODE), á Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE) e ao Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE). Os tres organismos informaron favorablemente del.

Segundo se expuxo na xuntanza, o Plan 2009 caracterízase pola inclusión de novos avances orientados a conseguir unha maior calidade e eficacia da cooperación galega, a través dunha mellor coordinación institucional e unha maior coherencia de actuacións. Neste sentido, supón a consolidación de determinadas ferramentas e medios de actuación que impliquen un avance dende unha cooperación baseada en proxectos de curto prazo, de reducida dimensión, cara a outra baseada en proxectos máis ambiciosos a medio e longo prazo; así como en programas de desenvolvemento integral que axuden a garantir o cumprimento de criterios da Declaración de París sobre eficacia da axuda: apropiación, aliñamento, harmonización, xestión orientada a resultados e mutua responsabilidade.

No relativo á cooperación desenvolvida a través das convocatorias públicas de axudas a Organización Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGDs) e demais axentes galegos de cooperación, no presente ano foron publicadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE diversas convocatorias destinadas a proxectos de cooperación de ONGDs e outros axentes, proxectos de sensibilización e fortalecemento, microproxectos e programas ou grandes proxectos destes organismos. Para todas estas convocatorias destináronse máis de 7 millóns de euros.

Aposta pola cooperación directa
Doutra banda, o departamento dirixido por Gamallo aposta firmemente pola continuidade da cooperación directa, considerando que a Administración galega debe implicarse directamente na colaboración e na implantación e mellora dos sistemas públicos básicos (educación, saúde, servizos sociais, etc.), así como naqueles espazos aos que non chegan outros axentes (xestión pública, descentralización, fortalecemento institucional, etc.).

Neste sentido, xa están en marcha intervencións de desenvolvemento integral en países como Guatemala (Oxlajuj Tz’ikin) ou a República Dominicana (mellora do Barrio de Santa Lucía –La Mosca). Tamén incrementouse substancialmente a colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -que canaliza a axuda oficial ao desenvolvemento que achegan anualmente dos seus orzamentos concellos e deputacións galegas-; e potenciouse a colaboración coas universidades galegas e os seus institutos e fundacións en ámbitos como a formación, sensibilización e educación para o desenvolvemento.

A cooperación directa tamén se leva a cabo a través de organismos multilaterais de cooperación, como se plasma este ano na sinatura de varios convenios como o de accións de mellora da prevención de violencia de xénero mediante a estratexia educativa a mozos e formación ao persoal de policía en Honduras; ou desde outros departamentos da Xunta de Galicia. Consellerías como as do Mar, Sanidade ou Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, destinan fondos para a cooperación ao desenvolvemento para a realización de proxectos e programas no exterior nas súas respectivas áreas sectoriais. Outros departamentos, como as consellerías de Traballo e Benestar e Facenda, están tamén a colaborar no apoio técnico de accións de cooperación.

Pola súa banda, especial fincapé no Plan 2009 meréceo a formación sobre cooperación, sensibilización e educación para o desenvolvemento. Neste eido destaca o programa de bolsas de formación de expertos en cooperación exterior, o Master en Xestión da Cooperación Internacional e das ONGDs (USC) e o Curso de formación específica de postgrao en Cooperación Internacional ao Desenvolvemento e Xestión de ONGDs (UDC).

Axencia Humanitaria de Galicia
No tocante ao eido da acción humanitaria e da axuda de emerxencia -á que se destinan case un 7% dos fondos de cooperación- a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia estanse a implementar actuacións con tres obxectivos principais: apoiar a poboacións en situación de crise humanitaria ou emerxencia mediante a realización de acordos de colaboración con entidades con presenza no terreo; potenciar a relación da Axencia con outros actores do sector da acción humanitaria e fortalecer o traballo a prol da acción humanitaria desde Galicia.