27 julio 2009

Siguen mareando la perdiz del juzgado de lo Mercantil para Vigo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Goberno vén de respostar á deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, que “foi e é intención do Ministerio de Xustiza que o Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra teña a súa sede en Vigo”, mais puntualiza que “é o Consello Xeral do Poder Xudicial é quen ten a competencia sobre este asunto”.

A deputada do BNG dirixíase ao Ministerio de Xustiza no pasado mes de maio para preguntarlle se podía garantir que o Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra iría para Vigo. Asemade, preguntaba ao Ministerio en que data estaría constituído dito Xulgado.

A parlamentar nacionalista aludía ás declaracións do recén nomeado Presidente da Audiencia de Pontevedra quen cuestionou a necesidade de que o Xulgado teña que se ubicar en Vigo. Unhas afirmacións que provocaron unha grande preocupación entre as autoridades municipais e organizacións económicas viguesas.

Debe decidir o Consello Xeral do Poder Xudicial

Neste sentido, o Ministerio sinala a Davila que dado que non existe demarcación mercantil en Vigo “e a súa creación, preceptivamente por lei, conlevaría a correspondente tramitación parlamentar, pareceu oportuno utilizar a vía prevista no artigo 269.2 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que prevé que o Consello Xeral do Poder Xudicial, a solicitude do tribunal ou xulgado, dispoña a constitución de xulgados, seccións ou salas en poboación distinta á da súa sede”.

Por iso, Xustiza indica que “é o Consello Xeral do Poder Xudicial, a solicitude do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, quen ten a competencia sobre este asunto”.

O Goberno dí que entrará en funcionamento en decembro deste ano

Ademáis, resposta á deputada do BNG que a “data prevista para a súa entrada en funcionamento é decembro deste ano”.
Davila tamén preguntaba ao Goberno para cando estaría listo o informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, pero o Ministerio non resposta a esta cuestión.