10 noviembre 2008

Alfageme e Vicepresidencia da Xunta pactan a instalación dunha ecoplanta conserveira no Parque Empresarial do Morrazo

CANGAS/BUEU/SANTIAGO (MORRAZO-tribuna). - O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou hoxe polo modelo da economía produtiva, “dos que traballan duro”, para facer fronte á actual situación económica e encarar o futuro con garantías. Trátase, segundo dixo, de deixar atrás o modelo que ata agora tiñamos, unha “economía de casino na que mesmo moitas empresas se sentían discriminadas por ver que os protagonistas eran os negocios express, sen raíces na terra, e que agora esvaecen co primeiro vento que chega”. Neste camiño, chamou a “tecer complicidades” para lograr obxectivos comúns. Trátase, segundo dixo, de “xuntar esforzos nos traballos, nos intereses e nos obxectivos en distintos estamentos, tanto na colaboración en materia de solo industrial cos concellos, como na suma de esforzos entre o sector público e o privado, entre o mundo da empresa e o Goberno galego”.
Neste camiño das alianzas entre o sector público e o privado, o vicepresidente destacou o convenio asinado esta mañá entre a Consellería de Vivenda e Solo e a empresa conserveira Bernardo Alfageme, S.L. para a implantación dunha ecoplanta industrial destinada á fabricación e comercialización de conservas de peixe e outros derivados no Parque Empresarial do Morrazo.
Concretamente, segundo os acordos subscritos, a Consellería de Vivenda e Solo comprométese a iniciar as actuacións para declarar como “proxecto empresarial singular” o proxecto de expansión de Alfageme. Así, a través da aplicación deste instrumento, incentivarase a máxima axilidade nos prazos para que a compañía poida dispoñer de solo industrial de calidade e ben dimensionado, en sintonía coas expectativas de expansión da empresa.
A ecoplanta suporá un investimento privado de 20 millóns de euros e 250 postos de traballo directos. Ocupará unha superficie de solo produtivo de 73.000 metros cadrados, que xa quedan reservados para este proxecto na futura Área Empresarial do Morrazo.
A nova planta de Alfageme permitiralle á conserveira dotarse dunhas instalacións modernas nun entorno loxístico competitivo, accesible e coas prestacións e infraestruturas necesarias para desenvolver eficazmente a súa actividade, o que permitirá activar novas liñas de produción. Por outro lado, a instalación da ecoplanta servirá como acicate e impulso á actividade do futuro parque empresarial do Morrazo, como motor para atraer outras iniciativas empresariais. Trátase dunha oportunidade para diversificar o tecido empresarial, para crear emprego e incentivar o peso da industria nunha comarca que sempre destacou pola forte presenza do sector servizos.
Ao termo da sinatura entre a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, e o representante de Alfageme, Juan Lago Pérez, Quintana considerou “unha gran noticia, mesmo nestes momentos de crise, que unha empresa como Alfageme sexa capaz de tecer complicidades para crear emprego”. O vicepresidente tamén salientou a actuación do Executivo galego, porque “é digno de ter en conta que un Goberno se aplique o refrán de que ‘a grandes males, grandes remedios’”. Sinalou que, con este acordo, ponse hoxe en marcha un proxecto empresarial innovador axudando a instalar a unha empresa con máis axilidade. “A boa gobernación é crear os menos problemas posibles e iso é o que facemos: non só non crear problemas, senón dar todas as facilidades para que se cumpran estas realidades empresariais”. Neste senso, Quintana apuntou ao importante investimento e á creación de emprego que traerá esta iniciativa e recalcou que “estas son as noticias que hoxe quere a xente: ver que hai proxectos e ideas, e que isto non se vai parar”.
Parque Empresarial do Morrazo
A Área Empresarial do Morrazo, que conta cun investimento total previsto de 61 millóns de euros, nace para aproveitar as vantaxes diferenciais que ten o corredor do Morrazo emprazado na confluencia de grandes cidades como son Vigo e Pontevedra. A previsión da Consellería de Vivenda e Solo é finalizar a tramitación e a adquisición dos terreos no primeiro cuadrimestre de 2009 para, inmediatamente despois, proceder á licitación e á execución das obras de urbanización do novo parque empresarial. Nestas actuacións vanse investir en 2009 10 millóns de euros para iniciar a adquisición dos terreos e realizar os traballos técnicos. Con este proxecto, non só se pretende dar cobertura ás empresas instaladas na comarca, senón tamén responder á demanda de solo existente na área funcional de Vigo.
Política de solo produtivo
O vicepresidente destacou a nova política de solo empresarial que leva a cabo a Xunta a través da Consellería de Vivenda, unha nova política “que se centra non só en crear solo empresarial, senón en facer que sexa operativo”. “Nesta lexislatura puxemos en marcha 17,9 millóns de metros cadrados de solo empresarial, xa construído ou en execución, cifra que contrasta cos 10 millóns de metros cadrados desenvolvidos durante os 16 anos do anterior Goberno”, matizou. Concretou que o avance tradúcese en 415 millóns de investimento global, unha liña de acción que vai seguir tendo continuidade cos máis de 212 millóns de euros orzamentados para 2009. Pero máis alá das cuantificacións en cifras, Quintana resaltou que o relevante é que “hoxe podemos presentar proxectos empresariais que se van ubicar en parques que agora comezan a andar, parques nos que dende o primeiro día haxa xa empresas traballando, porque os parques precisan rúas e acondicionamentos, pero, sobre todo, o que precisan son empresas”.