10 noviembre 2008

A EXPOSICIÓN GALICIADIXITAL NA ESCOLA TÉCNICA SUPERIOR DE ENXEÑEIROS DE TELECOMUNICACIÓNS DE VIGO


VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias , inaugurou hoxe a exposición itinerante Galiciadixital instalada na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo onde destacou o gran interese didáctico da iniciativa “o que a fai recomendable para todos os públicos”. No acto participou ademais o director da Escola, José María Pousada.
A Secretaría Xeral de Comunicación marcase dous obxectivos coa exposición. Dunha banda, conseguir que os visitantes disfruten cunha experiencia nova e diferente á dos museos convencionais ao coñecer as novas tecnoloxías aplicadas ao mundo audiovisual de xeito lúdico. En segundo lugar preténdese que a mostra sirva de escaparate e ponte natural entre o traballo que están a desenvolver as universidades e as empresas galegas co resto da sociedade.
Así mesmo, Fernández Iglesias sinalou que a mostra está pensada para que os seus visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades.
Converxencia entre arte e tecnoloxía
A exposición, organizada pola Secretaría Xeral de Comunicación, ofrece unha converxencia entre arte e tecnoloxía. Ten como obxectivo achegar o audiovisual e os multimedia á cidadanía e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e universidades galegas.
As novas tecnoloxías introducen ao visitante nunha atmosfera especial que nos amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que envolven ao visitante e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida. A exposición ofrece proxeccións e xogos en 3 dimensións, un tiraboleiro virtual, unha viaxe aérea pola nosa comunidade, e o can de fala galega Axóuxere, entre outros.
A exposición Galiciadixital, de entrada gratuíta, estará na Escola ata o 14 de novembro, con horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A exposición presentada en Vigo é unha réplica da exposición permanente Galiciadixital situada no Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela pola que xa pasaron máis de 450.000 visitantes, sendo a segunda máis visitada da comunidade.
A exposición complétase coa mostra 150 Anos de Telecomunicacións e de Creación Literaria en Galego que fai un percorrido pola historia do audiovisual en Galicia. Esta mostra está organizada pola Secretaría Xeral de Comunicación e a Universidade de Vigo, en colaboración co CGAI e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.