08 noviembre 2008

A FAVEC urxe a posta en funcionamento do albergue público en Vigo para as persoas sen teito

VIGO (MORRAZO-tribuna).- Nuevo posicionamiento social de la Federación de Asociaciones de Vecinos "Eduardo Chao" : Coa chegada do frío e das chuvias, moitas persoas empobrecidas, enfermas e sen recursos non teñen máis remedio que pasar a noite nos portais, caixeiros, choupanas ou infravivendas cun grande risco para a saúde e ante as continuas queixas da veciñanza.
Por todo, a Federación Veciñal “Eduardo Chao” pide que non se poñan máis atrancos para que o edificio da Gota de Leite, a carón do Concello, acolla o albergue público municipal que precisan urxentemente as persoas sen teito.
"O edificio da Gota de Leite configúrase como o espazo ideal para o albergue, xa fora empregado como lugar de acollida, está emprazado nun lugar céntrico e accesible para as persoas sen teito que non poden permitirse grandes desprazamentos (por condicións de saúde e económicas) e conta coa superficie suficiente para acoller outros servizos que precisan as persoas máis empobrecidas (comedor, servizos sociais, dispensario de medicamentos…).
É hora de que a cidade cumpra ese compromiso pendente coas persoas enfermas e máis empobrecidas. Todos sabemos dos numerosos proxectos no aire e futuribles que abundan nesta cidade, de tantas e tantas infraestruturas pendentes (auditorio, entrada do AVE, reforma da estación, biblioteca estatal, reforma da praza do Rey, nova comisaría…) por iso rogamos que non se deixen apodrecer estas valiosas instalacións e non se condicione aos caprichos políticos a saúde daquelas persoas que non teñen un teito baixo o que durmir".