10 noviembre 2008

LOUZÁN E DURÁN VISITAN CUNTIS PARA EXAMINAR OBRAS DE URGENCIA

CUNTIS/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acudiu esta mañá á parroquia de Troáns, en Cuntis, acompañado polo vicepresidente provincial, José Juan Durán, o director de infraestruturas da Deputación, Agustín Hernández, e a alcaldesa de Cuntis, Fátima Monteagudo, para supervisar persoalmente o estado das obras de mellora dos accesos ó tanatorio e á igrexa de Troáns.
Estas dúas actuacións, que supuxeron un desembolso de 136.000 euros por parte do organismo provincial, foron levadas a cabo entre a Deputación e o concello local
O acceso ó tanatorio comprendeu tarefas de afirmado e pavimentado ó longo dunha extensión de 500 metros, cun ancho de 8 metros, o que representa un total de 4.000 metros. Posteriormente, pavimentouse unha superficie de 500 metros de lonxitude e 4 metros de ancho, 2.000 metros.
A actuación sobre o acceso á igrexa de Troáns estendeuse ó longo de 600 metros de lonxitude, cunha anchura de 5 metros, o que constitúe 3.000 metros de afirmado e pavimentado.
En verbas do presidente Louzán “esta actuación importante, tan demandada polos veciños, ven facer xustiza despois de moitos anos de peticións por parte da parroquia”. O titular da Deputación, quen destacou “a fantástica labor do parque de maquinaria” do organismo provincial, mostrou a súa confianza “en que esta obra perdure e os veciños a conserven adecuadamente”.
A alcaldesa de Cuntis, pola súa parte, agradeceu “este investimento tan importante por parte da Deputación, que adquiriu un compromiso e o cumpriu, nesta parroquia de Troáns que necesita do acceso do Campo”. Monteagudo explicou que “as tarefas de instalación eléctrica, de auga e de gas canalizado, así como as de pavimentación e afirmado xa están rematadas, e agora só falta aplicar a capa de rodadura e a sinalización correspondente”.
Cruceiro
Por outra parte, a alcaldesa solicitou tamén ó presidente provincial asesoramento sobre a rehabilitación do cruceiro do lugar, que presenta un estado considerable de deterioro. Louzán, logo de escoitar as peticións de Monteagudo, comprometeuse a estudar o caso e adiantou que enviará técnicos da Escola de Canteiros da Deputación que asesoren ós operarios municipais na súa recuperación e posta en valor.