10 noviembre 2008

Licitan as obras de rehabilitación e posta en valor do centro de interpretación do castelo de Santa Cruz, na Guarda

A GUARDA (MORRAZO-tribuna).- A Consellaría de Cultura e Deporte anuncia a licitación dos traballos do centro de interpretación do castelo de Santa Cruz, na Guarda, por un valor de 480.000 euros. Esta partida, cun prazo de execución de seis meses, divídese en dúas anualidades, a de 2008 dotada de 80.000 euros e a de 2009, cos 400.000 euros restantes.
Coa creación deste centro, a fortaleza de Santa Cruz convértese no punto de referencia das múltiples construcións militares erixidas ao longo do século XVII a ambas beiras do río Miño. Este espazo estará dotado dos recursos didácticos necesarios para comprender a función defensiva destas edificacións e os valores da arquitectura de fronteira como un eido diferenciado doutras formas de construción.
A propia situación do castelo de Santa Cruz, na desembocadura do río Miño, convérteo nun punto privilexiado desde o que comezar unha ruta polas fortalezas da Raia. Coa recuperación e posta en marcha deste centro de interpretación tamén se busca potenciar o atractivo turístico e a actividade económica da zona.
Patrimonio en común
Esta actuación encádrase no programa Fortrans que ten por obxecto recuperar as fortalezas militares apostadas na fronteira entre Galiza e Portugal. Esta iniciativa xestiónase conxuntamente entre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Cámara Intermunicipal do Vale do Minho, a Cámara Municipal de Valença e a Cámara Municipal de Monçao.Neste proxecto, as administracións galega e portuguesa colaboran para recuperar e preservar un legado histórico e cultural, que aínda que orixinalmente tiña a función de separar a ambos países, agora serve para reforzar os seus lazos de unión.