10 noviembre 2008

MÁIS DE 1600 PERSOAS PERCORRERON A EXPOSICIÓN “AS NOSAS PALABRAS, OS NOSOS MUNDOS” DURANTE A SÚA ESTADÍA EN VIGO

VIGO (MORRAZO-tribuna).- Máis de 1600 persoas visitaron a mostra “As nosas palabras, os nosos mundos” durante os 15 días que estivo instalada na Estación Marítima de Vigo, onde se clausurou onte. Esta é a maior cifra de visitantes rexistrada dende que a exposición organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística se inaugurou en Santiago de Compostela o pasado 16 de xullo.
En Vigo, deron comezo as visitas didácticas para escolares con moi boa aceptación. De feito, alumnos e alumnas de 11 centros de educación secundaria da comarca de Vigo realizaron un percorrido guiado pola mostra. Ademais, estas visitas van acompañadas dunha unidade didáctica co obxectivo de afondar no coñecemento da diversidade dos idiomas do mundo e da propia lingua galega.
Outra das actividades programadas de forma paralela á permanencia da mostra en Vigo foi a xornada titulada “A idade dixital do galego. Lingua, tecnoloxía e empresa”, na que representantes de Microsoft e Google puxeron en común as estratexias plurilingües que ambas as dúas multinacionais están desenvolvendo en resposta ás novas demandas da cidadanía e das empresas.