08 noviembre 2008

O BNG califica de “lamentábel” a programación cultural do Concello de Ponteareas

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- O BNG responsabiliza o PP a ao concelleiro de cultura Andrés Sampedro do despilfarro de 126.000 euros no Corpus para pagar Operación Triunfo. O BNG de Ponteareas, a través do seu portavoz Bolívar González, denunciou "o despilfarro cometido polo goberno local do Partido Popular, con motivo da festas do Corpus do presente ano 2008. O concelleiro de cultura Sr. Sampedro, recoñeceu por escrito que gastou 126.484,52 euros".
Este gasto foi aprobado pola Xunta de Goberno Local, a proposta do Sr. Sampedro, "a pesares do informe desfavorable de intervención. A maioría dos 126.484,52 euros foron destinados a pagar o espectáculo de Operación Triunfo". Os nacionalistas consideran este gasto un despilfarro, que non potenciou o Corpus e só serviu para promocionarse os propios artistas.
Bolívar González considera incomprensibel que ao mismo tempo que se fan este dispendios económicos, “o goberno local sigue sen atender moitas demandas e necesidades dos alfombristas alegando os problemas económicos do concello”. Así os nacionalistas lembran que moitas iniciativas plantexadas polos alfombristas en diferentes reunións non foron atendidas polo goberno local. “Temos que dicir con lástima que o goberno de Ponteareas non está dando o apoio suficiente ao traballo dos alfombristas nin á promoción internacional da festa e se está equivocando ao gastar ducias de miles de euros en actuacións que, en lugar de promocionar o Corpus, o desvirtuan e o devaluan”.
Sen axudas para colectivos culturais e sociais
Para o BNG "este despilfarro, contrasta cos orzamentos anuais do Concello, que non contemplan axudas para os distintos colectivos sociais (culturais, veciños/as...), colectivos que dotan todo ano de vida cultural o noso concello, suplindo a labor que debería desempeñar a Concellería de Cultura".
Sen proxecto cultural
Os nacionalistas consideran que o goberno municipal do PP no que Andrés Sampedro é Concelleiro de Cultura, carece dun proxecto cultural globalizado e con vocación de futuro, con perspectiva e que ilusione, que poña en valor as nosas potencialidades. Un exemplo claro é a “lamentábel e pobre” programación de verán e das festas patronais ofrecidas polo goberno municipal aos veciños e veciñas da localidade.
Segundo Bolívar González, “apenas houbo actividades culturais, deportivas, xuvenís e de tempo libre destacabeis, ningunha actuación musical ou artística acorde cun concello de 23.000 habitantes”.