13 noviembre 2008

O PLAN DE CHOQUE DA DEPUTACIÓN DESTINARÁ 230 MILLÓNS DOS ORZAMENTOS DOS TRES VINDEIROS ANOS A PALIAR A CRISE MEDIANTE MEDIDAS REVITALIZADORAS


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente económico da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa, e os voceiros do PSdeG, Emilio González, e do BNG, Cesáreo Mosquera, compareceron hoxe ante os medios para dar conta dos avances na elaboración do plan de choque contra a crise, mediante o que poderían destinar un total de 230 millóns de euros dos orzamentos provinciais dos anos 2009, 2010 e 2011 a revitalizar e impulsar a economía da provincia mediante distintas accións.
Figueroa explicou que «a Deputación achegará estes 230 millóns en tres anos; 110 millóns en 2009, 60 millóns en 2010 e os outros 60 en 2011, todos a adxudicar, a ser posible, no primeiro semestre do ano que ven». Engadiu a súa esperanza en que o plan consensuado polos tres grupos na Deputación de Pontevedra poida servir de exemplo para outras Administracións de cara a afrontar a crise.
Neste senso, Cesáreo Mosquera, voceiro do BNG, aclarou que «deses 230 millóns, a Deputación xestionará de xeito directo a metade e a outra metade transferirase ós concellos, que terán que facer unha serie de achegas e cofinanciar as actuacións en relación directa a súa capacidade económica. Isto significa que os concellos de máis de 50.000 habitantes van ter que financiar o 50%, e iría baixando ata os concellos de menos de 10.000 que só terían que aportar o 5%».
A adxudicar en 2009
O vicepresidente provincial comentou, pola súa parte que «a nosa idea é que sexa un plan plurianual, que todas as adxudicacións se poidan realizar no primeiro semestre do ano 2009. Isto querería dicir que se revitalizaría a economía, que se lle daría un pulo importante á situación de crise que estamos a sufrir na nosa provincia».
En canto ó destino posible deste investimento, Figueroa especificou que «estas inversións serían inversións produtivas, onde se xeraría emprego, e, ó mesmo tempo, se faría un movemento a nivel económico das propias empresas».
Pola súa banda, o voceiro socialista, Emilio González, mostrou a súa confianza en que «este acordo se traduza do mesmo xeito en todos os concellos da provincia, porque, de non ser así, produciríase a paradoxa de que aquí se aprobaría un plan vital pero os concellos da provincia, se non se poñen de acordo, non serían capaces de entrar».
Os tres grupos coincidiron en salientar a importancia deste acordo político, «que demostra a madurez coa que se están a levar a cabo as negociacións», afirmou Figueroa, quen agradeceu «ó PSOE e ó BNG a súa boa disposición á hora de negociar, porque estamos antepoñendo, por riba de calquera interese partidista, as necesidades dos cidadáns da provincia».
Na mesma liña se manifestou Cesáreo Mosquera, que concluíu que «é un acerto que as administracións públicas se impliquen cun plan potente de economía real. A Deputación non ten capacidade fiscal, pero si para servir de motor da economía. Con este plan de choque que esperamos aprobar, estariamos a falar de preto de 300 millóns de euros, que son moitos cartos, moitos postos de traballo, se son xestionados correctamente».
Declaracións literais:
José Manuel Figueroa (PP):
«Hoxe chegamos a acordos moi concretos: O plan de choque vaise ir a 230 millóns que Deputación achegará en tres anos; 110 millóns en 2009, 60 millóns en 2010 e os outros 60 en 2011, todos a adxudicar no primeiro semestre do ano que ven, no 2009».
«Con isto pretendemos revitalizar a economía e darlle un pulo importante á situación de crise que estamos a sufrir na nosa provincia».
«As inversións serán inversións produtivas, para xerar emprego, e, ó mesmo tempo, suporá un movemento a nivel económico das propias empresas».
«Este acordo político demostra a madurez coa que se están a levar a cabo as negociacións e queremos agradecer ó PSOE e ó BNG a súa boa disposición á hora de negociar, porque estamos antepoñendo, por riba de calquera interese partidista, as necesidades dos cidadáns da provincia».
«Confío en que este acordo sirva de exemplo para outras Administracións e todos temos que agradecer ó presidente, Rafael Louzán, as facilidades que nos deu para acadar este consenso e para traballar en equipo ante a crise».
Emilio González (PSdeG):
«Seguimos avanzando nese plan xenérico que pode acadar os 285 millóns de euros, dos que 230 millóns os achegaría a Deputación, e no que habería aportacións dos concellos. Abordamos, tamén, o plan de saneamento, de gran importancia, do que seguiremos a falar o venres que ven».
«O que plantexamos é que o acordo se traduza do mesmo xeito en todos os concellos da provincia, porque, de non ser así, produciríase a paradoxa de que aquí se aprobaría un plan vital pero os concellos da provincia, se non se poñen de acordo, non serían capaces de entrar».
Consideramos o plan do saneamento o venres e queremos que isto se estenda a todos os concellos da provincia e que haxa un esforzo por parte de todas as forzas políticas. Despois falaremos de criterios de reparto».
Cesáreo Mosquera (BNG):
«Deses 230 millóns, a Deputación xestionará de xeito directo a metade e a outra metade transferirase ós concellos, que terán que facer unha serie de achegas e cofinanciar as actuacións en relación directa a súa capacidade económica. Isto significa que os concellos de máis de 50.000 habitantes van ter que financiar o 50%, e iría baixando ata os concellos de menos de 10.000 que só terían que aportar o 5%».
«É un acerto que as administracións públicas se impliquen cun plan potente de economía real. A Deputación non ten capacidade fiscal, pero si para servir de motor da economía. Con este plan de choque que esperamos aprobar, estamos a falar de preto de 300 millóns de euros, que son moitos cartos, moitos postos de traballo».