10 noviembre 2008

O PROGRAMA RODELA AMPLÍASE PARA DAR ACOMPAÑAMENTO AS MULLERES VÍTIMAS DA VIOLENCIA DE XÉNERO

REDONDELA (MORRAZO-tribuna) .- O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle a convocatoria pública para a incorporación de novas asociacións de voluntariado ao programa de acompañamento a vítimas da violencia de xénero, coñecido como Programa Rodela, promovido pola Vicepresidencia da Xunta. Este anuncio, destinado ás asociacións localizadas en cidades de máis de 30.000 habitantes, servirá para ampliar a cobertura do programa, unha iniciativa posta en marcha o pasado ano e coa que Galiza se sitúa a Galiza á vangarda do Estado en estratexias contra os malos tratos.
Para explicar esta nova convocatoria do DOG a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade (SGI), Ana Luísa Bouza, desprazouse hoxe ata a localidade pontevedresa de Redondela, cidade de máis de 30.000 habitantes que pode xa sumarse a esta innovadora experiencia en materia de violencia de xénero. Segundo sinalou Ana Luísa Bouza, o Programa Rodela naceu como unha fórmula para canalizar a forza do rexeitamento social da violencia de xénero cara novas formas de acción cidadá, ao tempo que serve para complementar os recursos e as estruturas profesionais de loita contra a violencia de xénero.
En Redondela a responsable do Servizo Galego de Igualdade salientou a importancia que esta iniciativa achega ás vítimas da violencia de xénero, e animou ás asociacións de voluntariado do municipio a facerse partícipes activos na loita contra os malos tratos. Para Ana Luísa Bouza a colaboración de cada persoa é clave á hora de erradicar a violencia contra as mulleres.