07 noviembre 2008

PP, PSOE E BNG CONSENSÚAN NA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA UN PLAN ORZAMENTARIO PARA INVESTIR NOS CONCELLOS 250 MILLÓNS PARA PALIAR A CRISE


VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna). - O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa, e os voceiros do PSOE, Emilio González, e BNG, Cesáreo Mosquera, fixeron público hoxe o acordo acadado unanimemente polos tres grupos para destinar 200 millóns de euros dos orzamentos provinciais de 2009 a servizos mínimos dos concellos para paliar a crise.
Figueroa (PP) : “Os tres partidos acadamos un primeiro acordo importante que, de chegar a plasmarse, pode resultar vital para o futuro da nosa provincia. Debido á excepcional situación de crise, todos queremos asumir a nosa responsabilidade. Por ese motivo, conviñemos en desenvolver un plan de investimentos consensuados de 200 millóns de euros por parte da Deputación, que se verá incrementado por un plan dos propios concellos, co que estaríamos falando de 250 ou 300 millóns de euros”.
“É algo histórico para esta Deputación e servirá de exemplo a nós e a outras administracións. Damos exemplo de seriedade, responsabilidade, concienciación pola nosa provincia, os nosos concellos e os cidadáns”.
“Imos trasladar esta proposta ós técnicos de Intervención, para comprobar qué nivel de endebedamento podemos afrontar e se podemos acadar nun plan de tres anos esa cifra de 300 millóns: 200 da Deputación e o resto dos concellos. O plan executaráse nos seis primeiros meses do 2009”.
González (PSOE): “Nos fixamos un obxectivo a tres anos, o de chegar ós 300 millóns. A idea é que a Deputación achegue 200 millóns e que todos os concellos aporten algo, según as súas posibilidades. Aplaudimos que gran parte dese plan vaia a servizos mínimos. As medidas non se limitarían a este investimento, senón tamén a reducir gastos por parte dos tres grupos”.
Mosquera (BNG): “Os tres grupos compartimos o diagnóstico da situación, que é malo a un ano vista, para o emprego, as empresas e demais. Compartimos a idea de que a Deputación ten unha capacidade de investimento alta, e que pode facer un esforzo na liña de actuar e facer que as administracións públicas tamén actúen como impulsoras da actividade económica, xa que, nesta época de crise, o sector privado non o fai”.