08 noviembre 2008

TOURIÑO MARCA COMO OBXECTIVOS LEVAR A BANDA AMPLA A TODA GALICIA, DESPREGAR A TDT ANTES DE ABRIL DE 2010 E EXTENDER AS TECNOLOXÍAS DA INFORMACION

A TOXA/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, marcou como obxectivos do Goberno galego levar a banda ampla a toda Galicia, despregar a televisión dixital terrestre en todo o país antes de abril de 2010 e estender as tecnoloxías da información e da comunicación a todas as áreas e servizos da administración.
Así o asegurou durante a súa intervención na celebración da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. As telecomunicacións e o espazo, que tivo lugar esta noite na Toxa, acto organizado polo Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións e que o presidente definiu como un punto de referencia e símbolo da Galicia innovadora.
No seu discurso, o máximo mandatario galego sostivo que as TIC constitúen o sistema de transporte “fundamental” na sociedade do coñecemento, polo que contar cunha rede de comunicacións moderna, accesible para todos os cidadáns, é “a mellor chave” de acceso á construción dun país competitivo.
Precisamente por iso, manifestou o presidente, non existe unha soa área do Goberno galego que non inclúa, entre as súas prioridades, o desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación.
Nesa liña enmarcou tres grandes compromisos do Goberno que preside. En primeiro lugar, Pérez Touriño refrendou o compromiso de estender a banda ampla a todos os recantos do país. Segundo explicou, actualmente, a Xunta, a través da Consellería de Innovación, está a dotar de banda ampla a 32 parques industriais, dado que se trata dunha ferramenta básica para incrementar a competitividade das empresas. Ao mesmo tempo, salientou que o Goberno galego está a introducir a banda ampla nos fogares, obxectivo no que se levan investidos 45 millóns de euros no que vai de lexislatura e ao que se van engadir 94 millóns procedentes do Plan Avanza.
En segundo lugar, o presidente citou o compromiso de despregar a TDT en toda Galicia antes de abril de 2010, data do apagón analóxico en toda España. Tal e como expuxo Pérez Toruiño, na primeira fase, antes de xullo do ano próximo, procederase ao apagón analóxico e encendido dixital en 60 municipios de Galicia, polo que se están a cumprir os prazos para acudir “puntuais” á data marcada para todo o Estado. “No conxunto do noso territorio, xa superamos amplamente a porcentaxe de cobertura poboacional fixada polo Estado, alcanzando a día de hoxe a máis do 90 por cento dos habitantes de Galicia”, remarcou.
Plan TIC na Sanidade
En terceiro lugar, o presidente reafirmou o compromiso de extender as tecnoloxías da informaicón e da comunicación a todas as áreas e servizos da Administración. A este respecto, Pérez Touriño puxo como exemplos os avances logrados tanto en materia sanitaria como educativa. Dentro da primeira, citou o Plan de Tecnoloxías da Información e Comunicación da sanidade galega (2006-2009), cun investimento de 150 millóns de euros, que persegue optimizar a xestión dos centros e prestar aos usuarios servizos sanitarios de calidade. Nesa esfera incluiu a implantación da historia clínica electrónica única, a imaxe médica dixital ou a prescrición electrónica de medicamentos.
No eido educativo, o xefe do Executivo aludiu á dixitalización das aulas, obxectivo ao que se destinou un 90% máis de orzamento que en toda a lexislatura anterior, á duplicación do número de equipamentos informáticos na rede de centros públicos ou á redución da ratio de alumnos por ordenador, que pasou de 12 no curso 2004/05 aos 5 actuais. Lembrou así mesmo que máis do 90 por cento dos estudantes de Secundaria e a metade dos de Primaria disporán de acceso a Internet, porcentaxes que se elevarán ao cen por cento nalgunhas áreas o próximo ano, ou as 20.000 axudas de 300 euros ás familias para a compra de ordenadores.
Lanzamento do picosatélite
O presidente fixo mención a un cuarto ámbito de actuación, o das comunicacións por satélite. Pérez Touriño incidiu en que Galicia vai estar presente no voo inaugural do lanzador europeo Vega co primeiro picosatélite do estándar CubeSat realizado por unha universidade española, a Universidade de Vigo, coa participación do operador público de telecomunicacións Retegal. Para o presidente, este proxecto vai axudar a promover o desenvolvemento de empresas de telecomunicacións en Galicia e abrir o camiño para desenvolver proxectos de picosatélites comerciais con aplicacións específicas. “Estou a falar de aproveitar esa tecnoloxía en asuntos como o control de incendios, a detección de bancos de pesca, a predición meteorolóxica, ou o deseño de redes de vixilancia medioambiental”, concretou.
Finalmente, Pérez Touriño animou os profesionais galegos das telecomunciacións a seguir traballando para fomentar o desenvolvemento da sociedade do coñecemento en Galicia.