07 noviembre 2008

QUINTANA ASEGURA QUE SÓ SE SAIRÁ DA CRISE CANDO SE RECUPERE O PODER DE COMPRA DOS SALARIOS

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, interveu esta tarde ante o Consello Nacional, cun discurso que tivo por eixe fundamental a crise económica e a alternativa dos nacionalistas galegos ao modelo neoliberal. “A xustiza social non é só unha bandeira ética, é unha necesidade imperiosa para a recuperación da economía”, apuntou, sinalando que “a demanda interna non se recuperará mentres o poder de compra dos salarios non repunte”. O Consello debatía, precisamente, un documento de análise sobre a situación económica.
“Os poderes públicos deben intervir na economía non só para garantir a liquidez da banca privada, senón tamén para protexer empresas e familias”, destacou; nesa liña, puxo como exemplo a actuación do goberno alemán “formado por conservadores e socialdemócratas”, que acaba de dar instrucións á banca pública para que conceda 15.000 millóns de euros ás pequenas e medianas empresas que non poden acceder a créditos na banca privada. Quintana cualificou esta medida como “patriotismo económico”, que consiste en “pór as necesidades do país por riba do dogmatismo de libre mercado, un dogmatismo que vén de fracasar con estrépito”.
Fracaso do neoliberalismo
“Esta é a crise dun modelo de desenvolvemento asentado na deshumanización dos mercados e na mercantilización da vida, na creación de economías virtuais e deslocalizadas, meramente especulativas e baseada na depredación dos recursos naturais e da dignidade das persoas sempre na procura do máximo lucro”, asegurou o portavoz nacional do BNG, quen sinalou que este modelo “non pode nin debe ser rescatado, senón ser substituído por unha economía xestionada desde o autogoberno, por unha economía social pensada para un crecemento sustentábel, o benestar e a igualdade”.
Así, Quintana recordou que “as elites de Madrid, xa se chamasen conservadoras ou progresistas apoiaban sen fisuras o modelo” mais o nacionalismo galego “si o cuestionou desde un principio”. Tamén recordou que “son xustamente as nacións que practicaron políticas máis autónomas, aquelas que menos acataron as directrices das políticas neoliberais, as que agora están en mellores condicións para afrontar a crise global que sacode as economías dos países desenvolvidos”.
A alternativa do BNG: baseada no autogoberno
Quintana recordou as circunstancias actuais da economía galega: “Salarios ben máis baixos que o promedio estatal e un tecido de pequenos e medianos empresarios angustiados porque se lles cortou a billa do crédito” e apostou por unha alternativa baseada no autogoberno.
Nesa liña, destacou a importancia de contar canto antes cun novo Estatuto que “reforce o papel reitor que lle corresponde á Xunta de Galiza na definición e desenvolvemento dunha estratexia económica nacional”. Así, apostou por unha política económica “con raíces na terra, definida desde a atención ás demandas e ás necesidades da nosa xente, pensando nas maiorías sociais do país”.
Nesa liña, lembrou algunhas das medidas dos departamentos presididos polo BNG no goberno galego para apostar pola economía produtiva: unha nova política enerxética, na que destacou o concurso eólico; o acrecentamento da oferta de solo empresarial; o investimento en I+D+i (200 millóns de euros) e en sociedade da información (100 millóns de euros); ou as distintas políticas de capitalización do medio rural.
Por último lembrou o reforzamento das políticas de vivenda e da política social, a través do Sistema Galego de Benestar “porque sempre son os máis desfavorecidos os que sofren as crises”.
Rematou o seu discurso afirmando que “o nacionalismo sempre estivo do lado do país nos momentos difíciles e agora tamén será así”.