12 noviembre 2008

Roberto Mera: “No 2009 poranse en marcha os maiores investimentos da Xunta na historia de Ponteareas”


PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- O BNG destacou hai unhas horas que no 2009 se iniciará a construcción do parque empresarial e se porá en marcha o proxecto sectorial de vivenda con investimentos de 66 millóns de euros, na zona de Ponteareas.
Roberto Mera, membro da Executiva Nacional do BNG e concelleiro en Ponteareas, anunciou que “o vindeiro ano 2009 poranse en marcha os maiores investimentos realizados pola Xunta na historia de Ponteareas”, xa que a Consellaría de Vivenda de “iniciará a adquisición dos terreos e a construcción do parque empresarial, presupostado en 60 millóns de euros, e comezará o proceso para a construcción de vivenda protexida que implicará un investimento público e privado de máis de 6 millóns de euros”.
Ademais, o nacionalista adiantou outras actuacións doutras consellarías dirixidas polo BNG, como a de Innovación e Industria, que investirá en Ponteareas cerca de 1.000.000 de euros en melloras da calidade da subministración eléctrica no rural. A todo isto engádense “novas obras no medio rural dentro do PEIM, novas axudas ás comunidades de montes e aos colectivos de comerciantes da localidade, investimentos en obras de humanización na vila e outras actuacións en materia cultural e de vivenda que se pecharán e farán públicas en vindeiras semanas”.
Mera salientou que “moitos dos investimentos previstos polas consellarías nacionalistas son posibeis por actuar directamente, sen depender o Concello, a través de Plans Sectoriais, e sen agardar por un goberno municipal do PP que está paralizado e é incapaz de aprobar o PXOM e de resolver os problemas e necesidades que ten Ponteareas”.
O dirixente nacionalista lamentou que “estes investimentos da Xunta podían ser maiores e atender outras necesidades, como unha nova galescola, un novo centro de día ou o local de ensaio para os grupos musicais. A vicepresidencia da Xunta que dirixe Anxo Quintana executou e vai construír eses equipamentos en concellos da comarca gobernados tanto polo PP como polo BNG, como O Covelo, As Neves, Mondariz, Salceda ou O Porriño”, engadíu Mera, quen reprochou que “o PP de Ponteareas, co seu Alcalde Solla ao fronte, prefire utilizar o Concello para enfrontarse coa Xunta por intereses electorais en lugar de pensar nas necesidades dos ponteareáns”. Isto explica, en opinión de Mera que o PP e Solla “néganse a ofrecer terreos ou locais para facer realidade eses equipamentos sociais e educativos que Ponteareas precisa”. Roberto Mera recordou que “incluso no último Pleno o PP aprobou unha solicitude á Xunta de investimentos para Ponteareas nos que non incluíu nin a galescola, nin o centro de día nin o local de ensaio”.