12 noviembre 2008

TOURIÑO ASEGURA QUE GALICIA “ESTÁ EN CONDICIÓNS” DE AFRONTAR O DURO IMPACTO DA CRISE

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño expresou hoxe a súa convicción de que Galicia “está en condicións” de afrontar o “duro impacto” da crise “se somos capaces de manter este rumbo nun proxecto de colaboración e de unidade nacional”.
Así o manifestou hoxe na súa comparecencia ante a Cámara en resposta a unha pregunta parlamentaria na que considerou que ante o profundo cambio de modelo de orientación social e económica que estamos a atravesar, “a resposta da crise, a chave, é concatenar a resposta conxuntural básica e decisiva coa folla de ruta e o rumbo que temos trazado”.
O mandatario galego destacou que “Galicia non é inmune nin está allea” á crise global “que se propaga con toda intensidade e inusitada rapidez á economía mundial”, cunha repercusión inmediata no tecido produtivo e onde “a variable fundamental que nos preocupa, -concretou o presidente-, ten que ver co emprego, a subida do paro e o impacto sobre as economías familiares a través do impacto sobre o tecido social e produtivo”.
Ante esta situación, “e desde un primeiro momento”, remarcou Touriño, se están a tomar medidas “cunha folla de ruta clara e un rumbo claro para esta país: facendo uso do diálogo social, mantendo un clima de estabilidade e interlocución permanente e tomando a iniciativa de responder”. “Esa é a clave. Respostas globais e coordinadas, potentes e contundentes”, reiterou.