12 noviembre 2008

QUINTANA APELA Á IMPLICACIÓN DE TODA A SOCIEDADE PARA DENUNCIAR E FACER VISIBLE O PROBLEMA DA VIOLENCIA DE XÉNERO

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, fixo hoxe un chamamento ao conxunto da sociedade para loitar contra a violencia de xénero, “un problema social que nos afecta a todos e a todas”. Neste senso, Quintana apelou á conciencia social para que o conxunto da poboación se implique na loita contra esta violencia xa que, tal como lembrou, trátase dun problema estrutural que hai que denunciar para facer visible na sociedade. “O final estará máis preto na medida en que todos e todas nos impliquemos neste labor e fagamos visible o problema”, sinalou Quintana.
O vicepresidente do Goberno galego fixo estas declaracións logo de participar hoxe en Santiago nunha concentración en repulsa ao último caso de violencia de xénero acontecido en Galiza, concretamente en Vilaboa. Neste acto tamén participaron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, entre outros cargos, xunto cun grupo de máis de cen persoas.
En declaracións aos medios de comunicación, o vicepresidente da Xunta reiterou a necesidade de visibilizar a violencia de xénero como unha cuestión social que é, erradicando a idea de que este tipo de violencia é un problema só daquela persoa que o padece. “Isto non é un problema persoal, nin sequera familiar”, afirmou Quintana, quen lembrou que se trata dunha problema de carácter social que afecta a toda a poboación e que, polo tanto, “todos estamos na obriga moral e cívica de denunciar e facer visible o problema”.