09 noviembre 2008

XUVENTUDE PON EN MARCHA A II LIGA DE DEBATE CO OBXECTIVO DE FOMENTAR A CONFRONTACIÓN DE IDEAS EN PÚBLICO ENTRE OS ESTUDANTES GALEGOS

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia ten aberto o prazo de inscrición para participar na II Liga de Debate, unha iniciativa que ten por obxecto de fomentar entre os estudantes galegos os debates de competición, é dicir, enfrontamentos dialécticos nos que dous equipos se interveñen defendendo a postura a favor ou en contra dun determinado tema. Esta competición, que se organiza a modo de liga deportiva na que participarán 48 equipos, está dirixida a alumnos e alumnas de 1º e 2º de bacharelato dos centros de ensino galegos, e celebrarase os días 29, 30 e 31 de xaneiro no Multiusos Fontes do Sar.
Segundo explicou hoxe o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, na presentación desta segunda edición do encontro, coa posta en marcha destas ligas de debate preténdese facer tomar consciencia aos estudantes da importancia de saber falar en público, ao tempo que quere fomentar o uso do galego entre a xuventude nunha actividade onde se esixe un correcto dominio da expresión oral e do vocabulario. Tamén persegue fomentar entre os mozos e mozas o respecto e a tolerancia como instrumentos de comprensión de ideas discrepantes e facilitar entre eles o desenvolvemento de habilidades como o traballo en equipo, a coordinación e a repartición de roles e tarefas. Na súa próxima edición, a liga sumará 240 participantes divididos en 48 equipos, o que a converterá nun punto de encontro para mozos e mozas de toda Galiza.