18 diciembre 2008

A Federación Veciñal de Vigo rende homenaxe ao Estatuto Galego no 40 aniversario do movemento veciñal

VIGO (MORRAZO-tribuna).- A FAVEC fará balance de 40 anos de traballo do movemento veciñal na conmemoración do Día do Estatuto. Os actos terán lugar este sábado 20 de decembro ás 14.00 horas no Hotel Coia de Vigo en torno a un xantar conmemorativo
Un ano máis e desde 2002 o movemento veciñal de Vigo rende homenaxe ao proceso de construcción da nosa actual autonomía. Baixo o epígrafe “Un novo estatuto para a participación” o movemento veciñal fará balance do traballo do movemento asociativo durante estes 40 anos e poñerá de relevo a importancia das parroquias como entidades xurídicas que precisan dun desenvolvemento completo no novo estatuto en lugar da actual concepción reducionista.
Tamén farase unha chamada de atención sobre cal debe ser o papel do movemento veciñal no novo ordenamento que debería recoller instrumentos de participación máis directa da cidadanía nas tomas de decisións que lle afecten individual ou colectivamente.
O acto contará coa presenza de D. Carlos Varela, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que porá de relevo a importancia desta data conmemorativa; tamén están convidadas autoridades políticas, representantes sociais, empresariais, sindicais, dos medios de comunicación e outros moitos colectivos da cidade.