31 diciembre 2008

Paloma Hidalgo será quien corte el bacalao a partir de ahora en la Semana Verde de Galicia

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Paloma Hidalgo será a directora xerente da Fundación Semana Verde de Galicia, segundo decidiu hoxe o Padroado desta entidade. Para o presidente da Fundación, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, trátase dunha “aposta sólida” da Fundación cara o futuro desta. Así, recoñeceu que Hidalgo é unha profesional “dedicada toda a vida ao mundo feiral e comercial”. A súa incorporación a Fundación, dixo, terá lugar a finais de xaneiro, momento no que se presentará aos medios en rolda de prensa.

Segundo Méndez Romeu, a designación de Paloma Hidalgo representa o cumprimento da estratexia de “reflotar” a entidade feiral fixado pola Xunta de Galicia no seu día, pese a “non contar con excesivos apoios” e “ao escepticismo, as críticas e as informacións alarmistas” dos últimos meses. Así, o titular de Presidencia lembrou que desde que asumiu a presidencia da Fundación foron modificados os estatutos, foi anovado o Padroado, foron inxectados recursos suficientes para garantir a estabilidade da Fundación e celebrouse a edición de Semana Verde “con éxito de público, de empresas e de negocio”, e todo iso, “ a pesar do contexto no que nos atopamos”.

Unha vez incorporada Hidalgo ao seu cargo, comentou, levará adiante o Plan Estratéxico da Fundación, feito por unha consultora pero baixo a súa supervisión. Este Plan deberá completar o estudo feito no Plan de viabilidade e así “determinar eventos feirais, fontes de financiamento e posicionamentos estratéxicos no contexto español e galego”. Ademais, o presidente de Semana Verde tamén anunciou que a primeira actividade baixo a súa supervisión será a edición nacional de CIMAG, a feira de maquinaria agrícola, que terá lugar na terceira semana de xaneiro. “Que unha persoa de tan alto perfil acepte concorrer a unha situación como a actual en Silleda indica que existen perspectivas obxectivas, confianza no proxecto que está deseñando a Xunta de Galicia, ao fronte desta institución, e confianza en que a pesar das dificultades do momento económico estamos diante dunha situación de onde sairán precisamente as entidades máis solventes, mellor organizadas e máis competitivas”, declarou Méndez Romeu.

Asociación de Amigos de Semana Verde
Doutra banda, afirmou que a entidade feiral está adaptando o seu funcionamento á Lei de Fundacións de Interese Galego e ás recomendacións do Consello de Contas, “rematando con situacións do pasado que tocan o seu fin”. Así dixo que a partires deste momento, as relacións entre a Fundación e a Asociación de Amigos de Semana Verde “van ser por un convenio que delimitará funcións, actuacións e fisicamente as respectivas ubicacións” (a Asociación emprazarase noutro lugar do recinto feiral) para marcar “nidiamente” as diferenzas entre a entidade privada e a institución de Semana Verde.
Con estas accións, reiterou Méndez Romeu, chégase “ao final do proceso de transición” que se iniciou no momento en que asumiu a presidencia da Fundación e cúmprense todos os obxectivos “en tempo e de acordo coas previsións” feitas no seu día.

A directora: Paloma Hidalgo
A nova directora xerente de Semana Verde conta con dezaoito anos de experiencia –tanto en España coma no estranxeiro- en promoción internacional e dirección de feiras e eventos especiais; e ten coñecementos nas áreas de organización, desenvolvemento e dirección de novos proxectos, comercio exterior, xestión comarcal e económica, marketing e comunicación.
Nacida en 1959, licenciouse en Filosofía e Letras e en Psicoloxía na Universidade Pontificia de Comillas ICAI-ICADE (Madrid), onde tamén cursou un máster en Comunidades Europeas. Así mesmo, realizou estudos na Universidade de Indiana (EEUU) durante dous anos a través dunha beca Fulbright.
Entre 1989 e 1998 foi directora comercial de Certames da Feira de Madrid (IFEMA), período no que realizou actividades nos sectores editorial, da oferta educativa, da enerxía, do equipamento para a industria médico-dental, das antigüidades, da loxística e dos materiais de cerramento para a construcción.
Posteriormente exerceu como Head of Event Management (responsable de administración de eventos) do Exhibition Centre London (EXCEL), en Inglaterra, onde as súas responsabilidades incluían tanto procesos globais deste organismo como de xestión de recursos humanos.
No ano 2001 Hidalgo foi nomeada directora da Área Internacional do IFEMA, cargo que ocupou ata a actualidade e onde desenvolveu principalmente o programa de accións para potenciar a proxección internacional desta feira.